Condenan ao goberno Barral a pagar ao persoal dos obradoiros de emprego segundo o convenio municipal

Diego Fernández, concelleiro de Persoal, e María Barral, alcaldesa

Ata agora a actual alcaldesa, María Barral, facía descoñecer a política de persoal que practicaba o executivo do que ela leva formando parte desde hai tres lustros. Mais a imposición dunha relación de postos de traballo (RPT) sen negociar co persoal nos compases finais da anterior lexislatura e as múltiples contratacións asinadas por ela persoalmente desde que ten na man o bastón de mando remataron por botar abaixo ese cortalumes que esgrimía cada vez que a oposición a responsabilizaba dos reveses xudiciais e as múltiples disfuncións da política de recursos humanos do seu goberno.

E a sentenza do Xulgado do Social que acaba de recaer contra o Concello de Betanzos é, deste xeito, consecuencia directa dos seus actos como alcaldesa. É o que ven dicir a CIG, que recorda que é a “propia María Barral quen asina os contratos e, por tanto, decide as condicións laborais do persoal laboral do Concello de Betanzos”. O sindicato nacionalista recorda que leva anos “advertindo ao goberno do PSOE que o persoal contratado para os obradoiros debía cobrar segundo os salarios do Convenio colectivo e non moi por baixo do estipulado, tal e como teimaba en facer o goberno de María Barral en detrimento dos dereitos dos traballadores e traballadoras dos obradoiros de emprego para aforrar uns cartiños e, de paso, recortar os seus dereitos retributivos”.

Tras denunciar esta situación tanto publicamente como en xuntanzas de traballo co edil de persoal, Diego Fernández, e a propia alcaldesa, a Intersindical Galega recorreu ao xulgado. Fíxoo logo de que “en plenas eleccións sindicais do ano 2019 nas que o sindicato dos funcionarios (CSIF) e os delegados da Policía Local en concreto, teimaban en lembrarlle ao persoal do obradoiro que a postura de quen informaba no Concello era contraria a esta reclamación e que, pouco máis, non había moito que facer”.

“Nada nos sorprendía daquela que un sindicato se asesorase internamente no propio Concello, porque iso é algo que historicamente tamén fixera UGT en detrimento dos dereitos do persoal, e que a CIG nunca fixo posto que os delegados e as delegadas da CIG sempre se asesoraron no sindicato e non cos propios asesores do Concello que teñen informado contrariamente aos dereitos do persoal laboral en demasiadas ocasións” advirte nun comunicado no seu web a sección sindical da CIG no Concello.

“Naquel momento a CIG asesorou ao alumnado do obradoiro en múltiples reclamacións previas que o goberno local denegou tarde, mal e arrastro e despois de que as propias traballadoras chegaron a ter unha reunión con María Barral porque non lles daban respondido á reclamación” recordan. Tras isto, “varias traballadoras decidiron continuar con esta reclamación pola vía xudicial e na primeira das sentenzas o Xulgado do Social determina que non hai dúbida de que a demandante era traballadora laboral do Concello de Betanzos e de que o Convenio colectivo en vigor lle afecta á totalidade do persoal do Concello de Betanzos, xa que non contempla ningunha excepción contractual, por tanto, debía cobrar o estipulado no Convenio colectivo para a súa categoría profesional e condena ao Concello a pagarlle a diferenza e estima a demanda”.

Desde a Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos aseguran que “celebramos esta sentenza porque desde o inicio da negociación do Convenio colectivo en 2011 sempre defendemos que a totalidade do persoal laboral debía cobrar o que lle correspondía sen facer distinción entre o persoal cun contrato ao abeiro dunha subvención doutra Administración pública ou non”.

“Sempre defendemos que igual traballo e igual salario e desa defensa saíu o acordo do Convenio colectivo de 2017” recordan. “A pesar dese novo convenio o goberno do PSOE teimou desde 2017 en discriminar a unha parte do persoal, en concreto todo o persoal que pasou polos obradoiros de emprego, e pagarlle menos do que indicaba o Convenio colectivo e a CIG foi o único sindicato que defendeu o acordado no Convenio, mesmo a pesar de que outros sindicatos seguían defendendo a postura do goberno municipal e desanimando ao persoal a presentar reclamacións” engaden no seu comunicado.

“Agora, á espera do resto das sentenzas o único camiño é que o goberno de María Barral, rectifique, non reitere co persoal de futuros obradoiros esta discriminación, tendo en conta que xa foi condenado por ela e reflexione sobre a interpretación unilateral contraria ao acordado que vén realizando do Convenio colectivo en detrimento dos dereitos dos traballadores e traballadoras, agora mesmo coa complicidade da CSIF e da UGT que desde xuño de 2019 lle deron manga ampla ao goberno municipal para facer e desfacer o que lle pete sen dicir nin chío” advirten.

CSIF teríase negado a que o comité presentara unha queixa por este motivo ante o goberno Barral

“A propia CSIF na reunión do Comité de Empresa de xaneiro deste ano negouse a que o Comité de Empresa lle comunicase ao goberno municipal unha queixa por esta discriminación, tal e como propuxo a CIG, e demostrou así a súa complicidade para que esta discriminación salarial non se solucionase e que o Comité de Empresa, o máximo organismo de representación do persoal laboral, amosase a súa conformidade co mal facer do goberno de María Barral e dese o visto bo ás discriminacións salariais existentes” censuran desde a CIG.

“Agora que o xulgado determinou que a reclamación era pertinente e que condenou ao Concello a solucionar a situación, fica máis que nunca patente para a CIG a necesidade de defender os dereitos do persoal laboral xa non só ante o propio Concello senón ante unha maioría do Comité de Empresa que antepón os intereses do goberno municipal aos dos traballadores e traballadoras” conclúen.