Condenan ao Concello de Betanzos a facer indefinidos a máis traballadores que acumulaban anos con contratos temporais

Diego Fernández, concelleiro de Persoal, e María Barral, alcaldesa

Novo revés xudicial para o Concello de Betanzos a conta da política de persoal do executivo socialista. Nos últimos meses, segundo denunciou a CIG, tiveron entrada máis sentenzas de indefinición para o persoal laboral. A orixe dos pleitos é a mesma: o goberno socialista contratou como persoal laboral temporal a estas persoas, que acumulan lustros nesta situación, infrinxindo a lexislación.

“Desde o momento en que o goberno municipal decidiu que excluíría ao persoal laboral temporal da Relación de Postos de Traballo que estaba a negociar e o propio concelleiro de Persoal, Diego Fernández, lles indicou aos traballadores e traballadoras que o único xeito de que o posto aparece na nova relación é que contasen cunha sentenza de indefinición, foron moitos os compañeros e compañeiras que acudiron ao xulgado por diversos motivos” denuncian desde a CIG. Nesta motivación está “non só porque o posto formase parte desa relación, senón noutros casos porque a intención do Concello era crear os postos do persoal laboral en grupos inferiores aos que actualmente están recollidos no Convenio colectivo e isto suporía unha rebaixa salarial, polo que se existía unha sentenza o posto debería crearse coas condicións actuais, tamén outro persoal denunciou coa intención de que isto puidese abrir o camiño para a reclasificación que posibilita o Convenio colectivo e que o goberno se nega a realizar sen RPT e pola que a CSIF se nega a loitar a nivel colectivo”.

“O caso é desde o pasado mes de abril, que está en tramitación a Relación de Postos de Traballo son varias as sentenzas de indefinición do persoal laboral que obrigan a que a RPT se modifique antes de sometela á aprobación plenaria e que invalidarían a aprobación dunha RPT cun informe da Intervención municipal sobre unha RPT que non recolle as obrigas derivadas das sentenzas do xulgado e, que, con motivo da incorporación dos postos de indefinición, debería modificar substancialmente a partida orzamentaria (pola inclusion dos novos postos non contemplados na que está en tramitación) que se pretende destinar ás melloras principalmente do funcionariado e nomeadamente da Policía Local” explican desde a Intersindical Galega.

“Mentres o goberno municipal non convoque a Mesa de Negociación para incluír e valorar os postos de persoal laboral con sentenza de indefinición firme posteriores a abril do ano pasado, todos os pasos que dea serán en falso, porque ese sería un motivo chave para recorrer unha RPT que non recolla as obrigas derivadas das sentenzas xudiciais do persoal laboral” abundan.

“A maiores, e como o goberno espere un pouco máis, a baixada salarial que propón para o persoal laboral do grupo V na RPT con respecto ao Convenio colectivo ficará anulada pola suba do Salario Mínimo Interprofesional, se é que o PSOE a nivel estatal leva a efectos o anunciado” engaden. “E aínda por riba de todo isto nos vindeiros meses son varios máis os compañeiros e compañeiras que teñen xuízos nos que reclaman a indefinición e que previsiblemente serán favorables para eles, tendo en conta que ata o momento os traballadores gañaron a totalidade destes xuízos, e, por tanto, o Concello de Betanzos, perdeunos todos” recordan.

“Por tanto, na actualidade, a demora na tramitación da Relación de Postos de Traballo non fixo máis que complicar a situación en beneficio das posibles alegacións e recursos a un documento que parte dunha base discriminatoria para o persoal laboral que na actualidade se debe modificar por imperativo legal antes de someterse a aprobación” engaden.