Como eran os primeiros Caneiros? Realmente queremos que volten?

Vista das embarcacións dos Caneiros á noite

Vista das embarcacións dos Caneiros á noite

Desde hai cinco anos o goberno local do PSOE celebra “Os Caneiros en Familia”, unha iniciativa proposta polo PP logo do tráxico accidente que se saldou con dúas persoas afogadas no ano 2000 que os socialistas naquela altura denostaron duramente. Segundo explica o executivo local, por boca do alcalde para dar maior realce a esta nova celebración sen data fixa, é para devolver a romaría fluvial ás súas orixes. Mais, realmente sabe o rexedor o que está a dicir cando propón resetear Os Caneiros e devolver a festa aos inicios da súa celebración? Vexamos algúns datos sobre a orixe e evolución dos Caneiros…

Á beira do Mendo

En 1886 celebrábabanse, dentro do programa das festas de San Roque e sen que sexa reseñado na prensa local coma novidade, uns “grandes ejercicios de ‘gastronomía’ en el campo de las Cascas, que solían repetirse por algunos aficionados durante la noche en los átrios de Santiago o Santa María” (semanario Las Mariñas, hemeroteca virtual municipal). Os historiadores locais Xesús Torres e José Raimundo Núñez-Varela y Lendoiro explican en senllos traballos que este campo era arrendado polo Concello a dúas señoras da Coruña, que estaba plantado de álamos e que nel se festexaba o 17 de agosto o San Roque Pequeno con celebracións na capela dos frades bernaldos, que rexentaban o Mosteiro de Donas, ou das Cascas.

Lancha dos caneiros engalanada con hortensias

Lancha dos caneiros engalanada con hortensias

A construcción da estrada a Santiago- o camino da Estación- derrubou a capela do mosteiro das Cascas e provocou, xunto co declive definitivo do recinto monástico, o devalo da romaría, que se mantivo case ata fin de século. En 1892, explica Xesús Torres en “Os Caneiros dos inicios. Notas históricas sobre a orixe e consolidación da famosa xira fluvial” (Anuario Brigantino), aínda coexisten ambas festas e remonta o río unha “gran excursión monstruo” con embarcacións “lujosamente ataviadas con banderas, flores y otros adornos”. En 1899 da romaría das Cascas xa só aparece no programa un “animado baile” mentres que a nova festa xa aparece como “xira” con “batalla de flores”. O programa de 1902 será o último no que apareza a romaría das Cascas, xa substituída pola nova festa.

As barcazas dos señoritos

Bucetas mariñeiras, lanchas patexeiras, botes e lanchas areeiras, todas as embarcacións que enchían o Mandeo en 1890, cando o programa de festas fala da “tradicional gira” do día 18 eran buques de traballo, ben para actividades extractivas ou ben para transportar produtos agrarios usando o río como vía de comunicación. O concepto do lecer e aínda do deporte náutico non existía.

Barcos cheos de romeiros que fletan trens desde A Coruña, embarcacións a motor “de vapor” como a do alcalde César Sánchez, barcos “lujosamente” engalanados, composicións musicais creadas para a ocasión e bandas de música fan ver que pola volta de 1890, ano arriba ou ano abaixo como demostran crónicas, programas festivos e mesmo anuncios publicitarios, a dos Caneiros era unha festa para as elites que arrendaban botes e remeiros nos peiraos do Mandeo.caneiros

E xa aparece “a plancha” en 1895, ademais da queixa na prensa local de que “no había botes y a última hora había quién pagaba cinco pesetas por persona, teniendo que hacer muchos el viaje á pie”.

Pronto aparecen tamén os concursos ás lanchas mellor engalanadas, outra proba da capacidade económica dos participantes, pois non son ramas e flores do país os adobíos, senón palmas e hortensias e outras flores tropicais dos xardíns acaudalados, cando non os farolillos que fabrica Claudino Pita ou diváns, balaustradas e sereas que adornan os barcos de alcaldes, banqueiros e industriais.

Un campo para a festa comprado con cartos do Concello e escriturado para o alcalde

Hai cousas que non cambian por cen anos que pasen. O actual campo dos Caneiros, na parroquia de Armea, Coirós, era só parte do escenario dunha romaría que, nos primeiros anos, tiña lugar indistintamente nas beiras de Coirós e Paderne deste lugar da Barcala. Para construír o actual campo dos Caneiros desaparecerían- se é que os houbo aí nalgún momento, os caneiros para a pesca da lamprea que lle dan nome, aínda que probablemente estivesen augas arriba.

En 1901 o alcalde e dous concelleiros son apoderados para comprar uns terreos en Paderne para facer que música, baile e paseo da festa dos Caneiros se poidan facer máis comodamente, construíndo peiraos como a prensa do momento demanda. Torres Regueiro documenta no traballo xa citado como o campo actual da festa era “tomado ao asalto”, tal vez coa oposición do propietario, e que a festa decorría practicamente na outra beira.caneiros familia /

Semella que os cartos para mercar o actual campo eran unha subvención destinada a unha “granxa experimental” e non sen sorna a alcuña de “granxa agrícola experimental” cólase pegada ao nome da romaría fluvial en varias páxinas da prensa da época, chanceando da cacicada da Corporación do momento. Nun litixio de 1908 aparece testemuño de que “un campo denominado de los Caneiros que aseguran se adquirió hace pocos años con fondos del Ayuntamiento, aun cuando la escritura aparece otorgada a favor de un exAlcalde llamado Don César Sánchez…”.

Liberais e conservadores andaron á gresca polas obras e titularidade do Campo  ao longo dos anos, e no medio da lea urbanízase o campo coas ringleiras de plátanos de sombra, rodeando de magnolios á beira do río-só queda un- e con peirao e rampla de varadeiro e unha fonte construída ao aparecer un manancial co movemento de terras. A festa mudábase definitivamente para Coirós e aínda houbo tentativa de facer un ramal da estrada de Castela por San Xiao ata o campo, para acoller os primeiros vehículos de motor- outro alarde máis da capacidade económica dos primeiros romeiros- que nesa época aparecían na nosa cidade.

Outras xiras fracasadas e banquetes políticos

Houbo tentativa de fixar outras xiras no calendario, para dar conta das sobras- quen as puidera ter no Betanzos de 1900- das comidas festivas, como conta a lenda urbana da orixe dos Caneiros. Así, dáse de conta de que os Caneiros celebrados o 9 de setembro de 1893, o día despois da romaría dos Remedios, foron “muy concurridos por gente del bronce. La clase elevada y media brilló por su ausencia”.

Aparece claramente nesta crónica da prensa local como esta romaría só ten lustre grazas á “clase elevada e media” e como o factor popular non é recibido con agrado nas primeiras edicións da festa dos Caneiros. Tal vez molestaran aos partidos do turnismo finisecular, que ofrecían homenaxes nos Caneiros aos seus dirixentes e cargos electos, a irrupción de partidarios doutras correntes.

As pelexas, desde o inicio da festa

Non é a mocidade de agora máis belixerante nin vai máis cargada de hormonas que a mocidade dos tempos dos seus bisavós. Segundo documenta Torres, a primeira pelexa rexistrada nas crónicas dos Caneiros se deba a dous mozos da “boa sociedade” local pola atención dunha moza “en los Caneiros del 9 de Setiembre” de 1892.2012-09-01_IMG_2012-08-25_01.07.28__8152139

Nunha destas leas, conta a lenda urbana, un mozo de Ferrol de voz aflautada acabou probando a temperatura das augas do Mandeo tras probar sorte cunha moza da cidade. Hai quen di que por iso, anos despois e instalado na Xefatura do Estado, Francisco Franco tratou de prohibir esta romaría.

As orixes da embarcación municipal

Causou crítica hai uns anos que a alcaldesa Faraldo fondease a embarcación municipal o 25 de agosto e prohibise que subise aos Caneiros, medida que mantivo o seu sucesor e actual alcalde e ampliou ao 18, deixando sen lancha sostida con fondos públicos a romaxe.

Porén, nos inicios, alcalde e concelleiros do turnismo dinástico competían entre eles e coas restantes forzas vivas por ver quen surcaba o Mandeo a bordo da máis ostentosa embarcación. Así, César Sánchez vai nun barco con motor a vapor que chama a atención en 1890, co río repleto de botes a remos. Os integrantes da Corporación municipal viaxan nas súas embarcacións privadas- arrendadas ou en propiedade- e non aparece nova dun barco que oficialmente leva á Corporación municipal ata o programa de festexos patronais de 1981, cando a romaría ten xa cen anos de arraigo e con Vicente de la Fuente como alcalde. Desde entón repítese ininterrompidamente ata que Faraldo accede á alcaldía en 2007.betanzos13

Ben é verdade que que non deixara rastro nos programas de festexos non quere dicir que non sucedese, e as hemerotecas retratan e o pobo recorda ás autoridades do franquismo a bordo e rumbo aos Caneiros, convidados por alcaldes e concelleiros do franquismo. Tampouco aparece por ningures que alcalde e convidados visen a saída do globo en palco e brindasen con cava ao remate da noite do día 16 e está tamén publicado.

Pase de modelos no Campo dos Caneiros

Volvamos aos Caneiros de 1890. A ostentación da clase alta betanceira nos Caneiros non era só cousa de alugar a embarcación máis grande, poñer as viandas máis caras ou investir na decoración máis chamativa. Era tamén cousa do pase de modelos que convertía o campo de feira construído no lugar da Barcala nunha pasarela de moda onde lucir chapeus, tocados e vestidos como se fose a propia praza do Campo. Curiosamente a prensa cébase coas mulleres que acoden coas súas mellores galas ao campo e aforra toda crítica para os cabaleiros traxeados que as instantáneas dos primeiros momentos da festa rexistran.

Isto contrasta coa presenza de elementos populares e fai que, por exemplo, en 1904 La Voz de Galicia critique a presenza de “mendigos de todas las edades, trajes y procedimientos formaron legión. Aquello era un sedio tremendo e inaguantable, un zumbar constante de la inmensa nube de desgraciados en torno de todos los grupos, singularmente en los compuestos por forasteros.”

O pobo, nas brañas

Nas primeiras romarías dos Caneiros ao pobo quedáballe ser convidado de pedra, e ou ben gobernar as embarcacións para o patrón ou ver o desfile das suntuosas embarcacións desde hortas ribeirás e brañas nas que merendar o que se podía vendo pasar aos señoritos río arriba con farois venecianos e tocados rechamantes.H18G6815

Non por acaso será que se pida desde as páxinas de El Pueblo que se evite lanzar terra e pedras ás embarcacións que ese día surcan o río desde as beiras, “como ha sucedido en años anteriores, dando a los forasteros- suponse que os romeiros de alcurnia provintes da Coruña- pobre idea de nuestra cultura”.

Nos anos vinte, coa festa xa consolidada, empezará a permeabilizar máis o elemento popular: ofrécense fincas para ampliar o campo dos Caneiros, organízanse premios para as brañas mellor engalanadas e constrúese o palco para a música. Así, ao final desa década, diluído en boa parte xa o elemento burgués orixinal e dexenerado cara unha festa popular o programa de festexos falará xa dunha “fiesta única” calificándoa de “romería pagana de puro abolengo popular que el buen gusto de varias generaciones juveniles, convirtió en espectáculo artístico y señoril”. Xa desapareceran Os Caneiros orixinais e o pobo a convertira na romaría que chegou a hoxe.

De festa para unha elite contemporánea dos bailes que o Casino da Coruña organizaba no extinto Corralón da Gaiteira á máis orixinal das romarías do país polo seu carácter fluvial e aconfesional. Realmente son os Caneiros dos principios o modelo a seguir?