Cinco entidades organizan unha travesía pola ría para festexar o Carme

Imaxe da Xuntanza de embarcacións tradicionais

Cinco entidades, Amigos de los Ríos de Betanzos, o Clube Ría de Betanzos de Piragüismo, as asociacións Porta da Vila e O Pedrido e o Clube de Remo Mandeo, organizan unha Travesía Náutica desde Betanzos ao Pedrido para o vindeiro 18 de xullo.

Animan a unirse a todos os propietarios de embarcacións para zarpar, coincidindo coa pleamar desde o porto de Betanzos sobre as 16.15 horas, para realizar este roteiro de navegación “para moitos descoñecida” e coincidindo coa festividade do Carme.

Destacan que desta forma mantense unha tradición mariñeira e ademais tamén queren chamar a atención sobre a “necesidade do correcto balizado da canle”, así como a necesidade de realizar unha dragaxe e mellorar en xeral as infraestruturas náuticas. Piden que quen se una respecte todas as directrices de Capitanía Marítima e Protección Civil no tocante á seguridade na navegación.