Centos enchen o Cantón contra o feminicidio

Convocados polo Colectivo Feminista das Mariñas, varios centos de persoas déronse cita onte para amosar o rexeitamento diante do triple feminicidio acontecido hai dous días no municipio pontevedrés de Valga. A cita facía parte da rede de convocatorias tecida pola Marcha Mundial das Mulleres, á que está adherido o colectivo betanceiro.

Varias integrantes do colectivo deron lectura a un manifesto denunciando a violencia machista, falta de medios e exixindo non ter que repetir este tipo de convocatorias. “Sairemos as veces que faga falta, volveremos saír ao día seguinte de que a prensa escrita publique outro caso” advertiron.

Barral contraprograma a convocatoria con outra concentración

A convocatoria fora lanzada o pasado día 16 a media tarde. O día 17, ás 10:08 da mañá, o goberno local lanzaba desde as redes da concellaría de igualdade- que dirixe a propia alcaldesa, María Barral- a súa propia convocatoria de concentración polo mesmo motivo, contraprogramando a que o día anterior lanzaran os movementos sociais.

Segundo denunciaron varias integrantes de colectivos feministas de distintos puntos do país nas redes sociais, foi unha directriz que seguiron os executivos locais do PSOE nos municipios que gobernan. A afluencia a mediodía na praza, con todo, foi moito máis discreta.