Cen días de indulxencias plenarias por ir en romaría aos Remedios

Romaría dos Remedios

Onte, 8 de setembro, o betanceiro barrio da Ponte Vella tiña que ter celebrado a súa festa maior cunha romaría que, de feito aínda que non de dereito, é a romaría ao santuario da patroa de Betanzos e a súa comarca, pois tal é o arraigo que aínda hoxe ten a Nosa Señora dos Remedios. A pandemia reduciu o aforo do templo e retirou das vellas rúas do barrio, ata os peiraos da Ponte Vella, o desfile procesional da talla mariana máis devocionada da cidade.

O templo proxectado por Juan de Herrera, porén, seguiu concitando afluencia, aínda que non tan populosa. Os datos da devoción remóntanse a antes do anterior santuario renacentista, estando documentada a existencia da súa confraría- aínda en pé- desde o século XVI.

Tal foi a devoción que de vello rexistrou o templo xa desde o século XVI que o papa Gregorio XIII, que ocupou a sede romana entre 1572 e 1585, outorgou indulxencias plenas a quen visitara o santuario devotamente tal día como onte. Cen días, nada menos.

É o que reza a táboa selada co anel do pescador que descansa no Museo das Mariñas tras ser atopada no arquivo de Nosa Señora dos Remedios en 1735 sendo reitor D. Ignacio de Isla e mordomo Mauro da Regueira e Andrade, como indica no Anuario Brigantino quen fora, durante anos, párroco de Tiobre e Obre e reitor do santuario dos Remedios, Manuel Ares Faraldo.

Táboa de indulxencias dos Remedios. Museo das Mariñas

“A súa Santidade o Papa Gregorio XIII concedeu indulxencia plenaria e remisión de todas as súas culpas a todos os homes e mulleres que confesados e comulgados o día 8 de setembro de cada ano visitasen o Santuario da nosa Señora do Camiño e rogasen a Deus pola paz e concordia, etc. Ademais disto, aos máis que entrasen confrades da nosa Señora en día da súa admisión feitas as mesmas dilixencias, indulxencia plenaria e para a hora da súa morte invocando o nome de Jesús e non podendo coa boca co corazón, indulxencia plenaria con máis de cen días as veces que cantaren, dixeren misa, oírena ou mandaren dicir no devandito Santuario; asistiren ao Sacramento que leva aos enfermos, aos enterros de devanditos confrades, procesións e demais actos píos da devandita confraría. Concede para sempre en Roma ano de 1581” reza o taboleiro policromado que asinara o sumo pontífice que instaurara o calendario gregoriano.

O papa Gregorio XIII daba así un impulso ás peregrinacións ao santuario dos Remedios antes mesmo da construcción do actual templo herreriano, entre 1568 e 1604, o que dá idea da forte devoción do templo desde a milagre da aparición mariana á beira do Camiño Real.