Cecilia Vázquez anuncia que entregará o SAF a algunha entidade asistencial

O PP presentando propostas de accesibilidade e servizos sociais. Imaxe do PP

A candidata do PP anunciou que o seu partido entregará o servizo de axuda no fogar (SAF) a “unha entidade ou organismo acreditado no sector” por medio dun convenio, que estaría “tutuelado en todo momento polos servizos sociais municipais”.

Cecilia Vázquez desvela á fin a postura do PP, que pretende manter en mans privadas o servizo de axuda no fogar (SAF) por medio dun convenio con algunha entidade asistencial, cuxa identidade non desvela. A aposta pola xestión privada a través desta figura chega, asegura, tras o “auténtico esperpento respecto do mal funcionamento dun recurso fundamental para as persoas dependentes”.

Vázquez Suárez asegura que “como Administración máis próxima ao individuo non podemos poñernos de perfil a ver se o problema se soluciona só”. Sostén que a encomenda a algunha entidade privada benéfica ou asistencial é a vía para “poñer en marcha un Servizo de Axuda no Hogar de calidade”.

Promete o centro de día que a Xunta leva negando anos

A conservadora prometeu un Centro de Emerxencias para a Muller “o segundo de Galicia despois do de Vigo”. Prometeu, igualmente, “iniciar os trámites necesarios para a construción dun Centro de Día”, para o cal non identifican tampouco modalidade- xestión privatizada, pública ou concesión de servizos- nin ubicación.

Feijóo prometera un centro de día en cada concello de máis de 5000 habitantes no remate do seu primeiro mandato como presidente. Vai pola terceira lexislatura e o centro de día de Betanzos segue protagonizando unha negativa tras outra nas votacións ás emendas das contas da Xunta ano tras ano.