“Caneiros en familia”, mais…. que propuñan os partidos en maio sobre Os Caneiros?

caneirosEsta fin de semana terá unha nova edición dos chamados “Caneiros en familia”, unha cita sen data fixa que se ven repetindo nos últimos anos e que, segundo o goberno local do PSOE, serve para celebrar unha romaría “como as de antes”. Para moitos, trátase de “escapar do problema” e “dar por perdidos os Caneiros do 18 e o 25”, como se pode ler abondosamente nas redes sociais, onde se critica que o executivo parece tirar a toalla para recuperar a romaxe tradicional e opta por montar outra nova “para os de Betanzos” e cuestionan que canto se faga pola romaría auténtica sexa repartir camisolas, pegatinas e dípticos. Este ano, ademais e a dicir de moitos, aínda cae demasiado preto das citas tradicionais.

 

A pregunta faise evidente: teñen os nosos representantes ideas concretas para recuperar a festa dos Caneiros? É evidente que o problema como tal leva anos centrando debates e conversas según se achega agosto. Para buscar a resposta a este interrogante é obrigado acudir aos programas electorais das cinco formacións que saíron elixidas o pasado mes de maio. Os cinco están dispoñibles en internet e a eles acudimos para ver que nos ofrecían para mellorar Os Caneiros dentro da súa oferta electoral.

PP, PSOE e CxG nin usan a palabra “Caneiros” no programa

A tónica recorrente é nin mentar o problema, pensando que así desaparece só. PSOE, PP e CxG nin empregan a palabra “Caneiros” nos seus programas. O PP promete unha “ruta fluvial periódica destinada a sectores estratégicos del turismo para promocionar nuestro entorno natural y paisajístico” e o PSOE, nun enunciado similar ao PP, prometía tan só “e limpeza nas marxes dos ríos”. Hai que entender, aínda que non o dicían, que o PSOE avogaba por manter os “Caneiros en familia” que puxo en marcha na anterior lexislatura.

Compromiso por Galicia ía un pouco máis aló e, sen nomear a festa e quedándose só na vertente ambiental, propoñía, igual que PSOE e PP, “coidado dos nosos ríos e a nosa ría” e fala de que o turismo ambiental “non precisa de pasarelas” en alusión ao controvertido paseo do Mandeo, mais sen dicir cal é a súa postura.

Betanzos Novo usa “Caneiros” para “recuperación” de camiños tradicionais

Nesa calculada indefinición xoga tamén Betanzos Novo-Son. Si empregan a palabra “Caneiros” no seu programa de goberno, mais para falar da “recuperación dos camiños tradicionais aos Caneiros e a Chelo” dentro da vertente ambiental do seu ideario. Sobre as festas non hai unha soa proposta.

O BNG dálle un apartado dentro das propostas para as festas

Vista das embarcacións dos Caneiros á noite

Vista das embarcacións dos Caneiros á noite

O BNG dedica, dentro do apartado de lecer, un espazo propio do program ás festas ademais das propostas ambientais- onde falan abertamente de paralizar o paseo do Mandeo. Dentro do programa das festas dedican unha entrada específica aos Caneiros no que propoñen “abandonar a percepción da festa dos Caneiros como un problema social” e apostar pola “concienciación e non da criminalización da mocidade pola situación en que se atopa a festa tradicional”.

Xunto a isto, propoñen traballar nos centros de ensino e entre a mocidade no plano da igualdade de xénero e na prevención de drogadiccións- para evitar os problemas que se están a rexistrar nos últimos anos por consumo de estupefacientes, hai que supoñer- e crear “unha unidade didáctica” para as escolas e institutos da comarca para resaltar e facer ver os valores culturais e ambientais da romaría tradicional e o seu espazo. Xunto a isto, propoñen reforzar a imaxe positiva das xiras introducindo “reforzos positivos”. O BNG tamén avoga por sacar a poxa a embarcación municipal para que sufrague parte destas actuacións e defende de sempre que os días das xiras as orquestras actúen no entorno do río e non na praza do Campo.

De onde saen os “Caneiros en familia”?

A utilidade das hemerotecas está fóra de toda dúbida e resultou imprescindible para elaborar esta reportaxe. Corría o ano 2000 e a xira do 25 remataba de forma tráxica, coa morte por afogamento de dúas persoas. A raíz de aí as propostas e o anuncio de medidas se sucederon. As autoridades anunciaban tornarse moito máis esixentes con que as embarcacións cumprisen a normativa náutica e, naquel clima, o PP mesmo reclamaba que se obrigase ás lanchas a retornar co sol aínda brilando no ceo de agosto para evitar accidentes.

As propostas eran recollidas polo goberno municipal- naquela altura, encabezado por Manuel Lagares e con maioría absoluta do PSOE- mentres os nacionalistas advertían da necesidade de adoptar medidas adicionais como retirar elementos perigosos do cauce do río. Advertían tamén de que a singularidade de moitas das embarcacións participantes na orixinal romaría faría moi difícil cumprir coa estricta normativa – vaticinio que se demostrou coa desaparición dos vehículos flotantes, avións e barcazas extravagantes construídas sobre catamaráns caseiros a base de bidóns e decorados como parrulos, autobuses e un longo etcétera.

En setembro de 2003 o PP leva o asunto a pleno propoñendo uns “Caneiros Infantiles”. É o precedente dos “Caneiros en familia” e a proposta non cae ben ao goberno do PSOE, que non a apoia. Os conservadores sostiñan que con esta proposta podería recordarse como era a xira primitivamente. “Los niños de hoy sólo tendrán en su retina la imagen de Os Caneiros al estilo de lo que se hace ahora. Lo cual sería lamentable” aseguraba María Dolores Faraldo naquela altura.

Sen embargo, non foi Faraldo cando gobernou a cidade quen puxo en marcha esta proposta do PP. Foi un estreito colaborador do mesmo Manuel Lagares que desbotara a idea, Ramón García. E tampouco exento de críticas a pesar de que a proposta si foi ben recibida polo PP. A fin de contas, e como demostra a hemeroteca, era súa.