Cal foi a actividade dos senadores de Betanzos nos últimos anos?

bullas

Rodríguez Prieto (primeiro pola esquerda) e Vázquez Lorenzo (centro) na delegación betanceira en Bullas

Como a “voz de Betanzos” en Madrid foi presentado o exedil Antonio Vázquez Lorenzo na campaña electoral do pasado mes de abril. Tamén prometía xogar ese rol o número catro do PP na lista do PP ao Congreso pola Coruña, o tamén edil e exsenador José Ángel Rodríguez Prieto. O conservador fora membro do Senado unha parte da lexislatura na que M. Rajoy perdeu o goberno tras a moción de censura que levou á Moncloa ao socialista Pedro Sánchez.

A actividade do novamente candidato do PP foi máis ben discreta na Cámara Alta. E experimenta un antes e un despois evidente coa moción de censura. Ata antes dese fito, Rodríguez Prieto só rexistraba tres participacións como parlamentario: unha pegunta escrita e oral en pleno sobre o cumprimento de acordos da conferencia de presidentes en canto a financiamento das autonomías e entes locais e dúas mocións, para a construcción dunha comisaría en Sevilla e negándose a eximir de IBI os hórreos galegos.

Tras a moción de censura o senador do PP adopta outra postura, e sen chegar ao número de iniciativas de algúns compañeiros de escano, vólvese algo máis activo. Así, pasa a rexistrar, para azoute do goberno socialista, varias preguntas escritas sobre as factorías de As Pontes e Alcoa. E presenta outra iniciativa, a única sobre Betanzos, sobre a oficina para expedir o DNI en Betanzos que se quixeron atribuír o PSOE e o PP locais, pero que os gobernos de ambas formacións negaron, tamén a raíz da moción de censura.

Se actividade como membro das Cortes Xerais de Rodríguez Prieto foi discreta, a do socialista Vázquez Lorenzo foi directamente inexistente. É certo que na lexislatura fallida só se celebrou un pleno e non se reuniron as comisións, pero non é menos certo que algún compañeiro de escano do exedil betanceiro rexistrou nese tempo máis de 200 iniciativas. E iso que era vicepresidente dunha comisión e vogal noutras dúas.

Por tan breve estadía en Madrid, que previsiblemente renovará ao ser o primeiro da terna socialista pola provincia da Coruña, percibirá unha indemnización de 7272 euros polos 47 días en que queda cesante ata o vindeiro día 10, a razón de 154,54 euros por día.

Os senadores perciben 2981,90 euros de asignación en 14 pagas, máis asignacións en función do cargo. Por exemplo,  por ser vicepresidente dunha comisión, como foi Vázquez Lorenzo na última lexislatura, suman 1108,95 euros máis nas 14 pagas. Ademais, reciben 1919,63 euros como indemnización para senadores de circunscricións diferentes a Madrid, tamén en 14 pagas, para cubrir gastos e polo tanto exenta de tributación. O Senado explica que cubre tamén os gastos de transporte e dietas aparte.

A falta de iniciativas sobre os problemas de Betanzos tamén se constata nos representantes ao Congreso. Nin Fernanda Faraldo, deputada entre 2000 e 2004, nin Hipólito Fariñas (de 1993 a 2004) presentaron iniciativas sobre a localidade. Este último, aínda que betanceiro de nacemento reside en Ferrolterra, o que o levou a mentar a cidade nunha pregunta sobre prazos para obras do tren a Ferrol. Foi a única.

Desta maneira, as iniciativas rexistradas sobre problemas e actuacións en Betanzos e comarca están fundamentalmente asinadas por deputados do BNG, como amosa o buscador das Cortes.