Caen dúas casas da Xunta na rúa da Cerca

Imaxe do desprendemento que circula nas redes sociais

O ano acaba no Casco Histórico de Betanzos exactamente como empezara: coa caída de vivendas baleiras. Dúas casas da rúa da Cerca, as dos números 43 e 45, caeron na mañá de onte. Ambas pertencen á Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), que as adquirira hai unha década para a súa rehabilitación e arrendamento, nunha actuación que ía para “exemplar” pero que se foi demorando no tempo. Ata tal punto que os edificios desplomados onte aínda estaban na fase previa aos traballos, adxudicados aínda este ano.

A Xunta asegura que o desplome debeuse á choiva intensa e o vento forte. Vivenda detalla que se desprendeu a fachada e a cuberta do número 43, para o que está tramitando “proxecto de demolición” e que se ben fixera unha actuación preventiva para retirar elementos que puidesen virse abaixo, “o temporal puido con ela”. Aseguran que dado que ía demolerse, o desplome non atrasará os traballos.

A caída arrastrou a casa contigua, no número 45, afectada na parede medianeira e con danos, a consecuencia do desplome, de entidade. Os cascotes tamén afectaron a unha casa situada na outra banda da rúa, obrigando a cortala para as tarefas de retirada de entullo e limpeza que iniciaron operarios de Protección Civil. A Xunta correrá coa reparación da fachada desta casa.

A Xunta reitera que ten iniciadas as obras nas casas situadas nos números 47 e 49 da mesma rúa da Cerca, adxudicada a do número 45 caído onte e que comezará a actuar nela a principios de ano. Para o número 43 tramita, asegura, o proxecto de demolición.

A conselleira de Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada da alcaldesa, María Barral
Foto: Moncho Fuentes / AGN A Coruña

O goberno local posiciónase coa Xunta e loa o Rexurbe

O goberno local enviou efectivos municipais á zona para asegurala e limpar a vía pública. A alcaldesa, María Barral, ofreceu a colaboración municipal para recuperar estas vivendas e mostrou o seu respaldo ao proxecto Rexurbe da Xunta, loubándoo como vía para dar vida ao Casco Histórico a través da adquisición de inmobles.

O BNG ve “un exemplo terrible” en que caian casas da Xunta e demanda actuacións de calado

O BNG lamentou o derrubamento de dúas vivendas baleiras, producido esta mañá na rúa da Cerca. “Consideramos moi grave que teñamos que acabar o ano tal e como empezara, con dous derrubos máis no Casco Histórico, o que evidencia que estamos nunha situación moi preocupante que exixe que o Concello actúe xa”, explicou o voceiro do BNG, Henrique del Río.

As nacionalistas consideran “un exemplo terríbel” o feito de que as casas desplomadas fosen propiedade da Xunta desde hai anos. “Levamos moito tempo pedíndolle fondos á Xunta para rehabilitar as casas que comprara no Casco Histórico e demandándolle ao Concello que, como a calquera outro propietario cunha casa que ameaza virse abaixo, expedientase ao goberno galego por mantelas en ruínas”, recorda o edil nacionalista. “Xunta e Concello, PP e PSOE, levan anos pasando a pataca quente do Casco Histórico duns a outros, sen actuacións de fondo que revirtan a súa ruína” advirten.

O alcalde de Allariz, Francisco García, co voceiro do BNG, Henrique del Río, no Casco Histórico

“Hai que actuar xa”, enfatiza, “con mercar unhas casas a Xunta non se amaña a situación límite do Casco Histórico”. “Estamos perdendo o noso maior activo e o que podería ser a nosa maior fonte de riqueza e ademais é un risco para a veciñanza”, advirte.

O BNG demanda ao goberno local que tome medidas “agora” en defensa do Casco Histórico, tanto para protexer o patrimonio como para garantir a seguridade da veciñanza. “Fai falta un proxecto claro de rehabilitación do Casco Histórico, crear as condicións para que sexa un barrio para vivir e traballar que é algo que o goberno do PSOE non asume”, explica Del Río. “A única política, activa e con decisións de calado para revertir esta situación, relativa ao Casco Histórico que se levou a cabo nas últimas 3 décadas foi durante o breve período, aínda non catro anos, en que o BNG creou e dirixiu a concellería do mesmo nome impulsando o, polo de agora, único plan de recuperación da zona monumental”. Recorda. “Nós témolo, e temos claro que é posíbel igual que o foi en Allariz, Ribadeo ou Pontevedra e querémolo para Betanzos”, conclúe.