Caen cascotes dun edificio na rúa de Curros Enríquez

Vista do derrubamento.

Betanzos abre xornais periodicamente coa nova da caída de cascotes, cando non fachadas enteiras, na zona monumental. Mais o fenómeno repítese tamén por outras rúas da cidade, mesmo na zona nova. Esta mañá a veciñanza da avenida Jesús García Naveira espertou co sobresalto de ver como parte dunha cornixa dun edificio relativamente novo se viña abaixo a poucos metros de dous supermercados.

Sobre a beirarrúa e varias prazas de estacionamento, no inicio da rúa Curros Enríquez, caeron os restos da cornixa dun inmoble que rolda as catro décadas de vida. É o terceiro episodio rexistrado ultimamente na populosa avenida Jesús García Naveira, tras unha vivenda abandonada que fai linde entre o hipermercado Gadis e o popular Pérez e detrás tamén dos periódicos desprendementos da fachada tradicional do edificio que acollera a célebre pensión Universal.

Operarios municipais acordonaron a zona, en previsión de máis caídas.