Cae outra casa da Xunta obrigando a cortar un carril na Ribeira

Imaxe de arquivo do tímpano da Porta do Cristo

Ao mediodía do pasado sábado parte da fachada doutro dos inmobles que a Xunta adquiriu no Casco Histórico precipitouse sobre a vía pública. Nesta ocasión, sobre a transitada rúa da Ribeira, treito urbano da N-651 cara Ferrol. Parte da galería do inmoble, situado a carón da Porta do Cristo da Ribeitra, precipitouse sobre a vía nas inmediacións dun cruce pechado onde os camións precisan manobrar para poder continuar o traxecto cara A Coruña polo Malecón.

Policía Local e Protección Civil acordonaron a zona, cortando parcialmente un dos sentidos da marcha para sortear o lugar e evitar maiores percances. “A Xunta descubriu o mal estado da galería e manteremos cortado o carril ata que o resolvan”, sinala o Concello.

É o segundo derrubamento en casas da Xunta nas últimas semanas, tras a dobre caída rexistrada na rúa da Cerca. O 2019 comezou e acabou, ao que se ve, con casas caendo no corazón de Betanzos.