O BNG celebrará en Biblos un encontro sobre a sanidade pública na comarca

O BNG celebrará hoxe a partir das 20 h un encontro en Biblos para falar da situación da sanidade nas Mariñas, no que intervirá Montse Prado, deputada do BNG no Parlamento galego. “A situación da sanidade na nosa comarca é tremendamente precaria, non se substitúen as baixas nin as vacacións do persoal o que sumado xa á falta de persoal provoca situacións surrealistas como a que coñecemos o verán pasado en Aranga onde o centro de saúde de Muniferral estivo 3 días sen medico ningún ou a falta de especialistas que vimos denunciando no centro de Betanzos que provoca á súa vez a saturación das urxencias nos hospitais da Coruña”, explicou a responsábel comarcal do BNG, Cristina López.

“Desde o BNG levamos anos presentando emendas aos orzamentos da Xunta esixindo persoal para un servizo de pediatría e de matrona en condicións na nosa comarca, mais o Partido Popular sempre votou en contra”, informou a responsábel. “Tamén trasladamos iniciativas ao Parlamento para ver se o goberno do PP, que por certo sempre apoia nos Plenos da comarca sempre apoia as mocións para que a Xunta contrate persoal, é consciente da situación da sanidade pública nas Mariñas pero a resposta foi que o servizo é suficiente”, criticou López.

“Convidamos a toda a veciñanza a asistir a este encontro para falar dos recortes e do debate sobre a nova lei de sanidade e tamén para ver como facerlle fronte ao desmantelamento do servizo de saúde público que está levando a cabo o PP”, concluíu Cristina López.