Betanzos volve a ser “middletown” para as eleccións ás Cortes Xerais

urnaDesde que saltou ás portadas de xornais a raíz dun estudo de Carmen Cotelo e Salvador Naya publicado por Biblos en 2013 moitos eran os que estaban pendentes da nosa localidade para coñecer se segue a ser a “magic town” que levara a Fraga Iribarne a esixir aos seus colaboradores os resultados electorais de Betanzos cada noite electoral das que compuxeron a súa dilatada vida pública.

E segundo Radiofusión, o portal das Radios Municipais Galegas, o famoso “test de Betanzos” volveu cumprir. “A maxia repetiuse na noite das eleccións xerais do 20 de decembro” explica o portal das radios municipais galegas: “o PP obtivo na vila do Mandeo o 36,6% de votos (37,1% en Galicia); En Marea logrou o 25,3% (25% a nivel autonómico); PSOE recolleu o 22,1% (21,3% na comunidade); a Ciudadanos votáronos o 9,2% de votantes betanceiros (9% dos galegos); e Nós convenceu ao 3,7% de electores (4,32% en Galicia)” repasa.

Porén, Radiofusión explica que “malia que os datos de Cotelo e Naya revelaban tamén a coincidencia do voto betanceiro co voto estatal, nestes comicios xerais de 2015 advírtese unha maior desviación respecto ao escenario autonómico, de seguro influída pola diversidade de forzas e diferentes lóxicas políticas que operaron no conxunto do Estado”. “Así, o dato do PP é moito mellor en Betanzos que no escrutinio xeral (36,6% fronte a 28,7%), ao igual que acontece con En Marea (25,3% fronte a 20,6% de Podemos e as alianzas nas que participa)” explican, recordando que “o censo electoral da vila galega reproduciu o conxunto do voto ao PSOE (22,1% fronte a 22%) e apoiou menos a Ciudadanos (9,2% fronte a 13,9%)”.