Betanzos retorna a laranxa no semáforo da covid-19 mentres o virus mantén incidencia nos centros escolares

Descanso de pouco máis dun día o que deu a situación epidemiolóxica a Betanzos. Cos datos actualizados a 17 de novembro, publicados no serán de onte no web oficial da Xunta para seguemento da pandemia, Betanzos pasa a laranxa. Sada e Bergondo seguen amarelos e Pontedeume en vermello. O resto da comarca continúa en verde, sen cambios, no parte difundido na tarde de onte polo SERGAS.

Hai que recordar que en función da poboación, e para evitar cifras esaxeradamente altas de incidencia no caso de brotes en concellos pequenos, tense en conta, para os municipios menores de 50 000 habitantes, os seguintes criterios: cor verde para menos de 7 casos novos á semana; amarelo para entre 7 e 13 casos novos á semana; laranxa para entre 14 e 20 casos novos á semana; e vermello para máis de 20 casos novos á semana.

Nos centros de ensino, seguen pechadas dúas unidades da escola infantil municipal de Bergondo tras confirmarse dous positivos por covid-19 no alumnado. No municipio hai outros dous positivos entre alumnado do CPI Cruz do Sar.

En Betanzos, 3 positivos de covid-19 no CEIP Vales Villamarín, 1 en Atocha e no IES Francisco Aguiar e 2 no IES As Mariñas. O CPI de Curtis ten un positivo e o IES da mesma localidade 2, 4 positivos da covid-19 no CPI Castro Baxoi de Miño, 3 no IES Díaz Pardo de Sada e 1 en cada un dos seus tres CEIP (Mosteirón, Sada e contornos e Barrié).