Betanzos reduce a súa incidencia acumulada a menos de 400 casos de covid-19 por cen mil habitantes

Betanzos continúa reducindo notablemente a incidencia acumulada da covid-19. Se hai un par de semanas a localidade rozaba os 1700 puntos de incidencia acumulada, cos datos divulgados onte polo SERGAS marcaba algo menos de 400 casos por cen mil, con 52 positivos diagnosticados nos últimos 14 días.

A reducción da incidencia é unha constante en todo o país e a comarca reprodúceo. Bergondo suma 16 positivos de covid-19 en 14 días, Abegondo, Coirós e Oza-Cesuras marcan a docea cada un, e sitúanse entre os 150 e os 250 positivos por cada 100.000 habitantes, o que os coloca en risco alto.

Sada (con 78 positivos e Betanzos están en risco extremo e Irixoa volve ao que se deu en chamar “nova normalidade” cunha incidencia mínima da covid-19 na última quincena.

 

O país sumou 5 días seguidos por baixo de 350 puntos de incidencia acumulada, que cae no cómputo semanal a só 80, practicamente nos niveis previos ao Nadal. Con eles Galicia está en risco alto no semáforo de alertas, se ben podería descender a medio cara mediados de semana, cando, se a evolución continúa a dinámica, baixaremos de 75 puntos. Con todo, a situación nos hospitais segue sendo dunha alta presión, que se prolongará, nunha baixada suave, por semanas aínda.

Hoxe reúnese o comité clínico, que podería propor aliviar algunhas restriccións, como avanzou antes da fin de semana o presidente.