Betanzos encheuse de lila e negro contra a violencia machista

Negro na campaña institucional do Concello contra a violencia de xénero. Lila na do Colectivo Feminista das Mariñas, porque non asumen o loito, senón a loita, rezaban nos seus pasquíns. Un cento de persoas ás 12:30 da mañá, con preponderancia do persoal municipal, na que interviron a alcaldesa e a subdelegada do goberno flanqueadas pola Corporación Municipal. A representante do goberno español, en rigoroso castelán, leu todos os decretos asinados polo executivo en funcións relacionados coa materia.

Case dous centos ás oito do serán ao pé do palco, secundando o chamado do Colectivo Feminista das Mariñas, que reprobou no seu manifesto a violencia exercida contra as mulleres pola Xustiza, en ducias de sentenzas que non garanten os dereitos das mulleres, referenciando a da Manada e moitas outras. No manifesto, lido de xeito coral, denunciaron o propio trato dos poderes públicos aínda hoxe cando unha muller dá o paso de denunciar e exixindo a fin destas situacións.

Miño tamén acolleu un acto institucional. Eis as imaxes de todos eles. As das concentracións institucionais de Betanzos e Miño son, respectivamente, dos concellos betanceiro e miñense.