Betanzos enche o Campo para escoitar á Sinfónica

Un intre do concerto da OSG. Foto de ARUME para o Concello

Betanzos demostrou onte que quere algo máis que verbenas enchendo a praza do Campo e rúas adxacentes para o concerto que ofreceu a Orquestra Sinfónica de Galicia baixo o patrocinio de Abanca. O poder de convocatoria sobrepasou con creces o da última orquestra que actuou, polo de agora, no Campo, a París de Noia.

O Concello acotou unha parte da praza para dispoñer cadeiras, onde se viron ademais da Corporación Municipal a persoeiros coma o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o seu vicerreitor de Investigación, o betanceiro Salvador Naya, o que fora presidente de Abanca, Javier Etcheverría, ou representantes da Deputación e municipios limítrofes. Tamén se reservou unha tribuna para persoas en cadeira de rodas, mais o groso do público estivo de pé, mesmo ata a rúa do Castro.

Cunha puntualidade inusitada nos actos que se celebran na cidade, ás nove da noite comezou o concerto baixo a dirección do valenciano José Trigueros, director adxunto da OSG. O director escolleu a célebre Carmen de Biezet para abrir o recital, que continuou co Capricho español de Rimski e Korsakov, para logo cruzar o Atlántico co Oblivion de Ástor Piazzola e o Danzón nº2 de Arturo Márquez.

As “chiscadelas” á cidade que o goberno local anunciaba no transcurso do concerto quedaron reducidas á adaptación para orquestra da Danza de Xastres, que a Escola Municipal de Folclore executou nunha tarima instalada para a ocasión acompañando os seus gaiteiros á OSG.

Tras unha alocución da alcaldesa e do presidente emérito de Abanca e unha entrega de agasallos, o director ofreceu dous bises, ofrecendo, nas súas verbas, unha ponte entre a música popular galega e a música da América do Sul. Foi a través da celebérrima Negra Sombra de Xoán Montes sobre o poema de Rosalía e o non menos popular Mambo nº8 de Pérez Prado, onde convidou ao público a contar e acompañar con palmas, arrincándoo definitivamente dos seus asentos.

No grande concerto da OSG na cidade que foi berce de dous xigantes da música clásica en Galicia, faltaron, precisamente, que esas “chiscadelas” que prometía Barrral incluísen algunha das obras de Pepito Arriola ou de Carlos López García-Picos, amigo íntimo, ademais, do presidente emérito do banco patrocinador. Sería un excepcional nexo entre a música de cámara e a cidade.

O concerto foi grabado por un equipo completo de cámaras, que incluía unha en guindastre que ofrecía excepcionais planos do Campo cheo ata a bandeira. Retransmitiuse por dúas pantallas xigantes a ambos lados do escenario, para que a praza enteira puidese ver os detalles da execución das obras, ademais de escoitar os seus acordes.

Deixou outros detalles, como o perfecto galego do valencián de Vall d’Uixó José Trigueros, director da OSG. O mestre felicitou o aniversario da cidade e ofreceu a ponte coa música galega na súa única intervención verbal. Porén, a directora da Escola Municipal de Folclore dirixiuse ao público en español malia o posto que desempeña na administración local e a normativa do Concello.