Betanzos descoñecido: o acueducto de San Xiao

A Fonte de Diana, no Campo, nunha imaxe de arquivo

Betanzos encerra outros moitos segredos e un patrimonio arquitectónico e histórico que na maioría dos casos pasa desapercibido, ocultado polos grandes iconos do Pasatempo ou o Casco Histórico. Así, todos reparamos na fonte do Campo, a Diana do Louvre, mais, de onde lle ven a auga? Un acueducto desde a montería de San Xiao das Viñas, na parroquia de Bravío, descoñecido, é quen aínda hoxe a trae.

Betanzos tivo serios problemas de abastecemento de auga a comezos do século XIX, por extraño que poida parecer hoxe. Unha poboación en crecemento constante reclamaba máis netos de auga por cabeza e a desaparecida fonte do Picho Carolo, na fonte de Unta fronte ao convento das Agustinas, non daba abasto. Outras fontes históricas, como a dos Remedios, a Cangrexeira ou a dos Ánxeles, ficaban realmente fóra da cidade e lonxe da súa poboación.

Así que os responsables municipais da época trazaron un plan para asegurar o abastecemento e garantir que Betanzos continuase medrando nuns intres nos que pretendía demostrar o seu dinamismo económico para evitar a supresión da súa provincia e capitalidade. Catro novas fontes provocarían abundancia do líquido elemento na cidade dentro deste cometido, algunha delas monumental para embelecer o proxecto de cidade decimonónico.

Pero faltaba a auga, que decidiu traerse desde a chamada naquela época fonte da Raíña, na montería de San Xiao, a cabalo entre Betanzos e Coirós, que naquelas comezaría a existir como municipio. O enxeñeiro Pedro Vilar dirixe unhas obras nas que participan trinta operarios para salvar os dous quilómetros que separan San Xiao de Betanzos.

O proxecto inclúe a reforma do Campo da Feira, que pasa a ser unha praza maior. O acueducto desembocará nun ramal na actual praza do Campo, para surtir a fonte de Diana que se instala para dar auga e ennoblecer a nova praza, que se encargou ao taller francés de Ducell e Fillos, que realizou a copia en ferro colado da Diana de Louvre que aínda hoxe preside a praza. Da súa pía partirán as augas para o novo campo da feira, onde outra nova fonte de aspecto remotamente neoclásico servirá para que abreben as bestas. Foi a que se deu en chamar fonte dos Cabalos, que aínda permanece, seca, fronte a Correos.

Os traballos prolongáronse desde xuño de 1865 ata outubro de 1866. Alternan canos subterráneos e superposicións para salvar desniveis, tan firme que século e medio despois, aínda continúan abastecendo de auga as fontes do centro urbano. En San Xiao aínda asoman panos dun muro que non pecha nada, senón que conduce auga á vila. Historias dun pasado no que houbo, quen o diría, falta de auga na cidade de Betanzos.

Un ramal para os García Naveira

Ao chegar á praza, o acueducto cedía parte do seu caudal para un ramal secundario que levaba a auga á vivenda de estilo imperial francés que Juan García Naveira construíu na rúa dos Ferradores. Está documentado que financiou estas obras adicionais para a que probablemente fose a primeira traída doméstica da cidade.

A mesma auga para Santa María e a Ponte Vella

O outro ramal continuará ata o corazón do Casco Histórico para botar auga na fonte de Santa María- hai faladurías de que tamén apareceu un manancial baixo a propia igrexa no que duraron os traballos, que foi aproveitado tamén. Antes, a nova fonte da Ponte Vella surtiría aos veciños da Ribeira e a Eira Vella. Estas dúas continúan dando auga.