Betanzos copa a lista vermella do patrimonio en perigo de desaparición na comarca

O muro caído no estanque da gruta do Pasatempo. Foto do blog “Parque del Pasatiempo”

Hai unhas semanas, a asociación sen ánimo de lucro Hispania Nostra incluía ao Pasatempo na súa Lista Vermella do patrimonio. Esta listaxe pretende chamar a atención sobre o patrimonio cultural e natural que se atopa en abandono e en perigo, recollendo aqueles elementos do Patrimonio Histórico do estado español que se atopen sometidos a risco de desaparición, destrución ou alteración esencial dos seus valores.

A intención é provocar unha reacción nos responsables do patrimonio. Da Lista Vermella sáese mediante outras dúas relacións: a Lista Verde, que recolle aqueles bens sobre os que se actuou de maneira que foron recuperados, e a Negra, que detalla os bens que desapareceron ou quedaron tan desfigurados que realmente xa non existen.

Hispania Nostra cita catro monumentos da nosa comarca na lista, e o 50% correspóndense con bens betanceiros. Ao Pasatempo, incluído debido ao “gran risco de desaparición debido ás caídas de partes polo deterioro ao que se atopan expostas, vandalismo e inclemencias meteorolóxicas”, súmase outro.

O Convento de Donas co aparcamento no lateral

O Mosteiro de Donas, nas Cascas, orixe mesma da cidade de Betanzos no seu actual emprazamento, aparece por estar “ruinoso”. “O edificio carece totalmente de cuberta e é invadido periódicamente pola maleza” alertan.

Canda eles, está incluída nesta Lista Vermella a bergondesa Casa do Cortés, en Guísamo, polo seu “alto risco de derrube, erosión e pudrición por acción meteorolóxica e vexetal”. Tamén o Mosteiro de Monfero, debido á “perda todal das dependencias do mosteiro”, xa que se ben a igrexa foi recuperada, “o resto de dependencias do convento atópase en ruínas”.

Patrimonio Galego ten outros monumentos na súa lista

 

O mosteiro de Monfero

Patrimonio Galego, o Catálogo Social do Patrimonio Cultural galego, tamén ten a súa Lista Vermella, formada por aqueles bens que corran grave perigo, xa sexa de destrución, alteración ou desaparición. A nosa comarca ten tres.

Ao mosteiro de Monfero, que repite, súmanselle a Capela e Castro de Flores, en Aranga, “abandonada” malia estar catalogada e ser unha capela gótica, sen uso, cunhas interesantes pinturas murais perdidas e un posible forno romano.

O outro ben é o castelo de Fontán, en Sada, que “corre un serio risco de destrución dado que por aí queren conectar un ramal para vía ártabra o que faría desaparecer este patrimonio”.