Betanzos acollerá outra edición da escola de empoderamento EspadELA

Os mandís feministas no Lavadoiro das Cascas

EspadELA é un dos proxectos seleccionados pola área de Igualdade e Cultura da Deputación da Coruña no marco do Concurso Luísa Villalta de proxectos culturais pola igualdade. Baséase no empoderamento das mulleres que residen nos concellos rurais do país e nuns días comezará a súa segunda edición. Ata o vindeiro día 13 está aberto o prazo de inscrición para todas as interesadas.

É unha iniciativa que coordina a cooperativa Arabías e que conta co apoio polo Sindicato Labrego Galego e o financiamento da Deputación de Coruña. A segunda edición do ciclo celebrarase entre os concellos de Moeche, Arzúa e Betanzos. Entre setembro e novembro, 20 horas de formación ofrecerán ás mulleres destas comarcas formación sobre tres eixos fundamentais: autoestima, participación e liderado, traballo en redes e internet, e, finalmente, un obradoiro sobre autocoñecemento e autocoidado.

O obxectivo de EspadELA é “crear espazos de traballo no plano persoal que melloren as condicións de vida das mulleres do rural, coa intención de que estas mudanzas podan espallarse e compartirse nunha rede de sororidade e recoñecemento feminino”.