Barral volve anunciar que pedirá a gratuidade da volta pola AP9 desde A Coruña e o BNG recórdalle que é o seu PSOE quen subiu o prezo cos orzamentos

A peaxe da AP-9 en Macenda, en Piadela

Co inicio do 2021 o prezo da viaxe pola AP9 volveu incrementarse. Unha suba que responde, dun lado, á prórroga da concesión acordada polo goberno do PP para compensar a ampliación da ponte de Rande, e, por outra, pola falta de aplicación dos acordos da investidura de Pedro Sánchez co BNG, que establecían como requisito a rebaixa das peaxes e a cesión da vía de alta capacidade a Galicia.

Anticipándose pois a que a crítica social ante a suba remate no tellado do PSOE, o goberno local remitiu un comunicado laiándose das “subas na peaxe de AP-9” e de que “ninguén atenda as súas reivindicacións”. Insiste o executivo que preside María Barral e dirixe Diego Fernández en “liberalizar o tramo entre A Coruña e a comarca de Betanzos nas peaxes de Macenda e Guísamo”.

A proposta do PSOE de Betanzos, referendada no seu día polo Consorcio das Mariñas, foi trasladada á Xunta para que o goberno autonómico e o do Estado negociasen coa concesionaria, “como fixeron non seu momento non sur de Galicia, e liberalicen, como mínimo, estas peaxes nos desprazamentos de regreso”.

Segundo o seu comunicado de prensa, a proposta pasa porque “as administracións implicadas: Ministerio de Fomento, e Xunta negociasen coa concesionaria a adopción de medidas que incentiven e promovan ou uso da AP-9 cara A Coruña e os concellos do seu primeiro tramo (Culleredo, Oleiros e Cambre) dende Macenda e Guísamo como alternativa a N-VI como se fixo xa noutros puntos de Galicia, a través de liberar de pagamento a viaxe de volta entre estas peaxes e A Coruña sempre que se realice ou mesmo día que ou traxecto de ida”.

Barral afirma que “é necesario que se adopten medidas para que parte do tráfico que ten a N-VI poida ter outra alternativa nos seus desprazamentos á capital herculina durante todo o ano a través da AP-9 tanto desde Macenda como desde Guísamo, e evitar así retencións e accidentes”.

O BNG recórdalle que o PSOE opúxose á rebaixa da AP9 nos orzamentos do Estado e que aínda ten que cumprir o acordo de investidura

O BNG saíu ao paso do enésimo anuncio do PSOE betanceiro sobre a AP9 nas redes sociais, que cualificou de “teatriño”. “En 2016 o goberno do PP de Rajoy subía as peaxes da AP-9 por enésima vez. O PSOE, como era oposición, protestaba” sinalan.  “En 2020, Néstor Rego, deputado do BNG, acorda a investidura de Sánchez (PSOE) como presidente. Un dos puntos que inclúe ese acordo é suprimir as peaxes da AP-9″ abundan.

 

En 2021 o goberno do PSOE e de Podemos volve subir as peaxes da AP-9 a todas as galegas. En decembro de 2020 xa rexeitaran, PSOE e Podemos, meter nos orzamentos os fondos para cumprir ambos compromisos e votaron contra a emenda presentada polo BNG no Congreso”, recordan. “Unha vez máis, o PSOE incumpre os seus pactos con Galiza” enfatizan. 

“Mentres, o goberno local de Betanzos mira para outro lado. Non se trata SÓ de eliminar as peaxes de Guísamo e Macenda, trátase de ser fiel aos compromisos adquiridos (independentemente do posto que se ocupe e de quen goberne en Madrid!)” advirten. “Trátase de defender os intereses da nosa veciñanza para que remate esta vergoña. De facer, de cumprir, non do postureo do goberno local. Desde o BNG de Betanzos seguiremos a esixir que se acabe con esta estafa e que a AP-9 sexa gratuíta para TODAS as galegas” remarcan.

“E que PSOE e Podemos castiguen ao pobo galego coa suba da autoestrada e a menor inversión do estado nunha década polo resultado das eleccións galegas de xullo e as últimas enquisas publicadas é pueril e imperdoabel” conclúen.

O goberno local lamenta que “ninguén atenda as súas reivindicacións”, pero Vázquez Lorenzo tampouco o fai

Barral nun acto de campaña co edil de facenda, Diego Fernández, e o actual senador do PSOE, Antonio Vázquez Lorenzo

Nas eleccións xerais de abril e novembro de 2019 o PSOE betanceiro aseguraba que o daquela edil e candidato a senador Antonio Vázquez Lorenzo sería a voz de Betanzos en Madrid e que a súa prioridade sería antender demandas que non foran escoitadas da nosa cidade. Dous anos despois de que amarrase o escano, aquel compromiso dos socialistas betanceiros esvaeceuse, como o fixera cada vez que na Restauración o fixeran, en idénticos términos, os deputados betanceiros do turnismo dinástico.

O senador betanceiro non só apoiou os orzamentos xerais do Estado sen que estas cuestións tivesen o respaldo económico preciso, senón que, ademais, tampouco é que rexistrase ningunha proposta, do tipo que fose, sobre o tema. Abonda mirar na súa ficha no web institucional do Senado para ver como o exedil do PSOE betanceiro se conta na nómina deses que non atenden as reivindicacións do PSOE betanceiro.