Barral visita os traballos de mantemento na N-VI para comprometer unha cesión ao Concello que o PSOE denostaba

A N-651 ao seu paso polo Malecón da Ribeira

Durante anos, o executivo socialista negouse en redondo a calquera cesión da vía, como defendeu o BNG, aínda mesmo cando o propio Ministerio de Fomento abría a porta a cedela no seu treito urbano en resposta aos nacionalistas.

O PSOE betanceiro condicionou, máis recentemente, a recepción da N-VI a que o Ministerio construíse dúas rotondas nos cruces da Madalena e a Ponte Nova. aseguran que isto dará máis seguridade e maior fluidez ao tránsito.

E do verán para aquí, nunha nova viraxe, anuncia que solicitará a cesión da vía logo do seu amaño. Con esta premisa de partida, e aproveitando que se executaron recentemente traballos de mantemento na N-VI e N-651 ao seu paso polo centro urbano, o goberno local visitou estes traballos de pintado e amaño do firme canda varios técnicos do Ministerio.

O goberno socialista asegura agora que defende que o Concello “dispoña de autonomía sobre unha vía que a día de hoxe é netamente urbana”. Ambas, porén, xa eran “netamente urbanas” cando o BNG emendou as contas do Estado para solicitar a súa posta a punto e cesión e o PSOE, no goberno local, se negaba a recibir a vía.

Sostén o goberno local que por ser, agora, “netamente urbana” quere “levar a cabo unha serie de actuacións que permitan humanizala, algo que agora, por normativa do Estado, non se pode executar” nunha vía que, agora, o socialismo betanceiro descubre que deviu “nunha “travesía urbana” e, por tanto, a competencia debe pasar a ser municipal unha vez que por parte do Ministerio acométanse unha serie de obras que lle deixen en bo estado de conservación”. Unha proposta que o agora senador e na altura edil de Urbanismo Antonio Vázquez Lorenzo descualificou con virulencia no Pleno cando a defenderon, en idénticos termos aos que agora esgrime o goberno do que formou parte, desde o BNG.

Unhas obras para unha rotonda sen fondos nos Orzamentos do Estado

Segundo o comunicado remitido polo goberno local, “a primeira edil tamén pretende que se axilicen dúas actuacións de mellora das infraestruturas viarias en Betanzos” que “son necesarias para mellorar a fluidez de tráfico no futuro”. Asegura que a esta necesidade de fluidez do tránsito responde o vello proxecto, xa anunciado por Manuel Lagares hai practicamente dúas décadas e que aínda o ano pasado en campaña electoral volveu prometer Barral, de construír unha glorieta no cruzamento da Magdalena coa avenida da Coruña.

Asegura que para isto “xa se redactou un estudo técnico”. Ademsais, sosteñen que é precisa outra rotonda máis na entrada á cidade que quedaría aínda libre delas de se facer esta, “na N-651 á altura do vial que conduce ao cemiterio municipal”. “Para eses dous proxectos seguiremos traballando conxuntamente co Ministerio” asegura Barral no seu comunicado malia que os Orzamentos do Estado para 2021 non contemplan ningún tipo de partida para ningunha destas dúas rotondas, e sequera para os investimentos de remozado das dúas estradas que o PSOE brigantino puxo como condición previa á cesión das mesmas ao municipio.