Barral usa o San Roque para a súa campaña anunciando o cartel deste ano

Presentación do cartel de actuacións do San Roque 2019. Imaxe do facebook do Concello

Cunha antelación inusitada, pois nunca en abril o cartel do San Roque se anunciara, a alcaldesa anunciou onte aos catro ventos que Luz Casal e Milladoiro actuarán nas vindeiras festas patronais. A excusa deuna o anticipo dun himno para o 800 aniversario encargado polo goberno local ao cantautor Carlos Bau.

O “adianto” da peza composta por Bau, loada pola rexedora, non se estrena nin o día exacto dos 800 anos do privilexio rodado nin no concerto no que será teloneiro de Casal. Estréase, cun acto organizado no palco da música, o mesmo día en que o BOE publica a convocatoria das eleccións municipais.

María Barral decidiu así meter e utilizar a programación das festas patronais na súa campaña para revalidar a alcaldía para o PSOE. A rexedora anunciou que Casal e Bau actuarán o 24 de agosto, o 22 a Orquestra Sinfónica, coa que bailará a escola municipal de folclore, xa que interpretará a danza de xastres, e o 23 Milladoiro.

Para acabar de confundir onde remata o goberno local e o Concello e onde comeza o partido, o PSOE sacouse a foto da candidatura exactamente no mesmo escenario que montaran antes técnicos municipais.