Barral presenta un orzamento de 10,7 millóns de euros dos que 3,4 son para gasto corrente e 0,78 para soldos

María Barral e Diego Fernández, concelleiro de Persoal, nun desfile

O goberno local ello presentou os orzamentos municipais para 2021 que serán levados a Pleno a vindeira semana. Asegura nun comunicado de prensa que están “marcados polo ámbito social, con reducción de partidas noutros sectores para fortalecer os programas de carácter social e de axudas a colectivos que a crise da Covid está afectando de maneira directa”.

O orzamento ascende a 10.734.874,63€ e inclúe obras por máis de dous millóns de euros financiadas por outras administracións: Mellora da urbanización e servizos na rúa Cascas e urbanización Río Sol; Mellora da urbanización e servizos na rúa Santa María; Pavimentacións nas parroquias Tiobre, Pontellas, Piadela e Requián; Pavimentación e seguridade en camiños en Castro, Montellos, o Farragoto e a Graña; Renovación de semáforos no Casco Urbano, todas elas financiadas con cargo ao Plan Único da Deputación.

Este mesmo plan de inversión provincial sufragará a renovación das instalacións de alumeado, iluminación e sinalización exterior; Reordenación do saneamento na marxe do río Mendo entre a ponte das Cascas e a Ponte do Carregal; Renovación da rede de saneamento e pluviais no camiño da Estación e Mellora do Sistema de Abastecemento de Betanzos.

A Deputación financia, ademais, por medio do convenio asinado, a restauración do Estanque do Retiro no Pasatempo.

O capítulo de gasto corrente e de servizos dispárase a 3.474.000€, onde se financian, entre outros, o servizo de axuda no fogar. “Espérase conseguir un control do gasto mediante a aplicación de medidas como: a licitación por procedemento aberto de servizos e pola petición de varias ofertas na tramitación dos contratos menores” asegura Barral no comunicado de prensa tras outro severo rapapolvo da Intervención na última conta xeral aprobada debido ao sistemático incumprimento da lexislación de contratos.

O orzamento destina tamén más de catro millóns para cubrir os gastos de persoal e outros 787.260,98 euros para, entre outras cousas, manter subvencións que se consideran prioritarias, para o Consorcio das Mariñas, o Transporte Metropolitano, a Asociación de Concellos do Camiño Inglés, o programa Xantar na Casa, as cotas destinadas á Fegamp, novas liñas de subvención, as contías que a Xunta de Galicia está a reter do Fondo de Cooperación Local pola Escola Infantil e a achega á Fundación Globo de Betanzos. Aparecen recollidas tamén as axudas para distintas entidades sociais, culturais e deportivas, se ben nos últimos tres anos o goberno Barral evitou convocar as axudas ás que concorren todas as entidades e só repartiu fondos asignados a dedo entre as entidades elixidas polos munícipes socialistas.