Barral impón hoxe unha RPT que deixa fóra ao 52% dos traballadores

María Barral co bastón de mando do Concello

A RPT que hoxe presentará o goberno municipal na mesa xeral de negociación deixa fóra do documento que regula e ordena o persoal municipal nada menos que ao 52% do persoal ao servizo do Concello de Betanzos. Co tempo do mandato practicamente vencido, María Barral pretende deixar amañada a situación para o 48% dos empregados municipais e “desregular” as condicións de traballo para o 82% do persoal laboral do Concello.

Así o denunciou a CIG, que asegura que o “PSOE segue adiante coa primeira RPT do Concello de Betanzos que pretende excluír o 82% dos postos do persoal laboral e o 52% da totalidade dos postos de traballo do Concello de Betanzos”.

“No caso de se aprobar este documento suporá a maior desregularización existente ata o momento e a aplicación dun organigrama que lle afectará a menos da metade do persoal do Concello” censuran.

Pactada cos sindicatos maioritarios e coa oposición da maioría

“O peor de todo é que o goberno do PSOE pretende levar adiante este documento, de continuar as posturas previas dos sindicatos, co apoio do minoritario 37% da parte da social da mesa, composto polos sindicatos CCOO e CSIF, fronte ao restante 63% que lles corresponde a CIG e UGT” denuncian.

“Non hai que esquecer que a maioría do persoal deste Concello, é persoal laboral, representado por estes sindicatos, e que sae gravemente prexudicado pola non incorporación dos postos, así como pola clara discriminación na valoración destes” indican desde a Intersindical Galega.

“O goberno de María Barral incumpre con esta negociación os acordos adoptados co persoal laboral desde hai seis anos, que prometían comezar un proceso de equiparación de salarios co funcionariado e o propio convenio colectivo vixente” denuncian.

“A relación de postos de traballo incluirá os correspondentes a todo o cadro de persoal funcionario e laboral, así como os que haxa que dotar a través da correspondente oferta de emprego. Igualmente, a Relación de Postos de Traballo determinará a forma de provisión e acceso aos postos singularizados nela determinados” explican para dar a coñecer a trascendencia do documento.

“Isto supón que a aprobación desta RPT sen a totalidade dos postos suporá un incumprimento do convenio colectivo vixente que a CIG denunciará ante os organismos pertinentes, para alén das posibles alegacións e recursos que o documento poida ter no caso de se aprobar tal e como o propoñen” conclúen.