Barral gábase da dixitalización de contratos medievais mentres oculta os actuais

María Barral, de vermello, acompañada doutros edís do PSOE

O goberno local anunciou que sacou a licitación o servizo de dixitalización de varias coleccións de fondos do arquivo municipal, nun total de 80 993 páxinas que van desde libros de enfermos do Hospital de San Antonio ata contratos e documentos contables municipais de varios séculos.

A empresa que leve o contrato deberá identificar e describir e os documentos dixitalizados, cos seus correspondentes esquemas de metadatos para garantir o acceso aos documentos a través da web, e garantir os dereitos de propiedade intelectual.

Nun comunicado de prensa a rexedora gabouse de presidir o Concello “máis aberto de Galicia a través de internet para consultar a documentación que consta no arquivo municipal”. Barral anunciou a dixitalización das “actas capitulares que constitúen a serie documental mais importante da cidade, xa que marca o goberno e o devir dos concellos e as súas distintas xurisdicións ao longo dos séculos”.

A documentación medieval accesible, a actual sen publicar

Co contrato o Concello de Betanzos fará accesible a documentación do arquivo desde a Idade Media. Porén, a documentación actual, da era de internet e producida xa en soportes informáticos, é a gran débeda pendente do executivo do PSOE.

Malia haber dúas leis de transparencia e contar o Concello cunha ordenanza sobre o tema, o goberno socialista evita cumprir coas estipulacións de todas estas normas. Contratos, períodos medios de pago, subvencións outorgadas, convenios e concesións ou gastos en eventos singularizados seguen sendo opacos. Cada vez que a oposición cuestiona a falta de transparencia, o PSOE replica que é o Concello máis transparente da provincia. Os datos oficiais da Comisión de Transparencia, porén, botan por terra esa afirmación do PSOE.