Barral e Santiso, incapaces de comezar o ano con orzamentos en vigor malia cadansúas maiorías absolutas

José Antonio Santiso e María Barral, alcaldes de Abegondo e Betanzos. Imaxe do Concello

A Lei dispón que o ano comezará nos concellos cun novo orzamento en vigor. Para chegar a esa meta, os trámites teñen que comezar a mediados de setembro, para que aprobación inicial, exposición pública, alegacións e nova votación e publicación definitiva estean feitas coas badaladas da Noitevella. Unha previsión que algúns concellos cumpren e outros, directamente, obvian. O ano 2021 comezou na nosa comarca con orzamentos publicados definitivamente en Coirós e, inicialmente, en Irixoa. Ambos municipios están gobernados polo PP con maioría absoluta.

O resto, incumpren a lei. Os motivos son variados- gobernos de coalición que exixen maior negociación como Sada ou Bergondo-, comodidade coa prórroga das contas do ano anterior, pasotismo… Destaca, para mal, Miño, que apenas un mes antes de que rematase o 2020 aprobaba os orzamentos correspondentes a ese ano, con todo o gasto xa comprometido e executado.

Outros, pasan. Abegondo, gobernado pola maioría absoluta do PP que ten Santiso Miramontes, bótalle a culpa aos técnicos municipais. E asegura que o aprobará “en breve”. Ese lapso indeterminado é o que sinala o PSOE betanceiro. As brevidades brigantinas, con todo, demóranse mesmo anos. O tempo é relativo.

Na capital comarcal os orzamentos, como as bicicletas naquela obra de Fernán Gómez, son para o verán. E as excusas, variopintas. Todas as contas aprobadas polo PSOE desde o seu retorno á alcaldía en 2011 foron aprobadas, cando menos, coa metade do exercicio vencido. Unhas veces a culpa era da oposición- porque había que negocialas-. Outras, de outros gobernos porque, a diferencia do resto de municipios do país, tiñan que agardar polas contas do Estado ou as da Xunta para ver que levaban.

O goberno Barral sinala agora ao “panorama cambiante” para escusar o seu incumprimento reiterado e manifesto do que a Lei indica como obriga dos concellos.  Claro que, se temos presente que hoxe aprobará a conta xeral do 2019 con máis de sete meses de retraso sobre o prazo establecido legalmente, igual o “panorama cambiante” está máis dentro da disposición do propio PSOE que nas contas que a estas alturas, UE, Estado, Xunta e Deputación xa aprobaron e teñen en vigor. O adagio latino xa advertía, hai dous mil anos, de que en idear excusas para non traballar son incansables as persoas vagas.