Barral asegura que o programa do 800 aniversario fixo “universal” o patrimonio betanceiro e celebra o seu suceso

O daquela alcalde, Ramón García, e a concelleira de cultura, María Barral, na presentación do logotipo do evento, hai ano e medio

A dous días de que rematasen formalmente os actos do 800 aniversario do traslado de Betanzos deste Tiobre, o goberno local declárase satisfeito porque os fastos, sosteñen, serviron para ” facer universal o noso patrimonio, material e inmaterial, e por suposto, os nosos valores, que marcan o carácter dunha cidade que quere converter ese pasado nunha das claves do noso futuro”. Son palabras da rexedora, María Barral, que cre que “estes doce meses serviron para lembrar e reivindicar o papel de Betanzos na historia de Galicia”.

Por este motivo, a alcaldesa pretende que “esta celebración non pare aquí” porque, di, a celebración supuxo un “punto de inflexión” para o “crecemento do concello”. Asegura que os sorteos da lotería retransmitidos na televisión e as reportaxes aparelladas “fixeron un ano único no tocante á promoción do noso concello”.

O goberno local, polo tanto, amósase satisfeito da programación que elaborou para esta efeméride e realiza un balanzo satisfactorio do 800 aniversario.