Barral anuncia que o Concello acudirá a FITUR para promocionarse coa tortilla

Barral presentando a Semana Santa en FITUR

Todos os concellos galegos acuden á feira internacional de turismo de Madrid (FITUR) nunha oferta conxunta coa Xunta e as Deputacións provinciais. Todos? Non. Un irreductible goberno local considera que os seus veciños deben asumir un gasto adicional para estar presente na cita madrileña como municipio, cun amplo desfile de concelleiros do goberno. O único do país e dos poucos do Estado. Desde logo, o único das dimensións de Betanzos.

A alcaldesa María Barral anunciou que Betanzos volverá destinar fondos públicos a estar presente en FITUR para promocionar a tortilla. “As campañas realizadas durante estes últimos anos e a colaboración que tivemos por parte dos hostaleiros fixo que nestes momentos a marca ‘Tortilla de Betanzos’ estea no seu momento máis álxido e iso temos que aproveitalo, dando un paso máis na súa promoción”, asegura a rexedora nun comunicado.

“Poucas cidades poden ofrecer o que Betanzos ofrece, un centro histórico como o que temos; os nosos costumes e tradicións, a nosa cultura milenaria e unha comercio e unha gastronomía única” prosegue para xustificar o gasto no stand na feira madrileña.

A rexedora identifica a “gastronomía única” coa tortilla e en base a ela, anuncia, pivotará o stand betanceiro en FITUR. Para esta aposta sobre un punto de cocción particular dun plato de toda a gastronomía peninsular, María Barral desbota apostar por un viño único, con múltiples recoñecementos de catadores de relevo mesmo da afamada Guía Parker elaborado en base a variedades só presentes na comarca e máis de media ducia de variedades autóctonas de produtos de horta, a comezar polo célebre repolo de Betanzos.