Barral anuncia o mesmo compromiso do goberno galego co Pasatempo que xa anunciara hai 9 meses

Un intre do acto do 800 aniversario, cando Feijóo asegurou o seu compromiso co Pasatempo

O 13 de febreiro de 2019, durante o acto central da celebración do 800 aniversario do traslado de Betanzos desde Tiobre, o presidente da Xunta anunciaba o seu compromiso coa rehabilitación do Pasatempo. Sen prazos nin fondos concretos. En plena voráxine de cruce de descualificacións entre Xunta, PP, PSOE e goberno local logo do enésimo derrubamento, desde o goberno galego aseguraban que no que se producise a declaración da Horta de Don Juan como Ben de Interese Cultural (BIC) a Xunta poñería cartos para a súa recuperación. Sen prazos concretos nin contías. Nin sequera o PP accedeu a cuantificar este compromiso no acordo unánime do Parlamento de Galicia pechado a instancias do BNG.

A pasada semana a alcaldesa, María Barral, reuniuse co presidente da Xunta. A xuntanza pedíaraa a rexedora, que tras pasar por San Caetano anunciou que a Xunta poñerá fondos para rehabilitar o Pasatempo tras a declaración como BIC. Segundo a rexedora o presidente comprometeuse a axilizar a declaración no primeiro semestre de 2020 e tras iso mirará a contía e as actuacións a executar. Exactamente o mesmo que o PP anunciara hai un ano. Sen cambios.

E sen axilizar nada, dado que nese umbral vence o prazo que a Lei de Patrimonio Cultural define para este procedemento coma BIC (24 meses). O procedemento para declarar BIC o Pasatempo comezara o 19 de marzo do 2018.

Todo isto non impediu á Barral anunciar que, como a Xunta afirmara hai nove meses xa, cando haxa BIC a Xunta mirará que aporta e para que a fin de recuperar o parque enciclopédico. Polo de agora, polo tanto, a única partida disposta para investir xa son os 700 000 euros que a Deputación puxo sobre a mesa para intervir sobre o Pasatempo, con ou sen o concurso do Concello, e os 160 000 para o proxecto que o goberno local continúa sen licitar á agarda de que a Xunta conclúa a declaración coma BIC do parque.

Na xuntanza, segundo o goberno local, tamén demandou a apertura dun centro de día e a segunda fase de obras no CEIP Francisco Vales Villamarin e actuacións de mellora no IES Francisco Aguiar.