Barral anuncia agora que ven de encargar o proxecto para amañar o estanque do Pasatempo que caeu en 2017

O muro caído no estanque da gruta do Pasatempo en 2017. Foto do blog “Parque del Pasatiempo”

En febreiro de 2017 caía un dos muros do Estanque da Gruta, que pecha o Pasatempo á estrada da circunvalación. As chuvias, a falta de atención, as vibracións do tráfico e a presión da controvertida pasarela metálica que descansa sobre un muro de cachotería aliáronse para botar abaixo un dos relevos animais que o circundan. Desde entón o furado permaneceu á intemperie cuberto dunha fina capa de morteiro e os restos do animal, amoreados sen criterio a carón do auditorio do parque, sen medidas de protección ata que a pasada semana operarios municipais puxeron bonito o parque para a visita do presidente da Deputación.

Agora a alcaldesa anuncia que ven de encargar “a redacción do estudo” para enlazar as obras a realizar no Estanque do Retiro- que caeu en 2018 cando o goberno local ordenou baleiralo- coas de reparación do Estanque da Gruta. Asegura o executivo local nun comunicado que esta actuación “completará” a outra. “A intención é que o proxecto se redacte en paralelo á execución destas obras” asegura o goebrno local sobrevestindo de criterios supostamente técnicos un retraso totalmente innecesario, pois de ter o proxecto xa elaborado as obras xa poderían estar mesmo contratadas actualmente.

O anuncio abunda que as eventuais obras poderían comezar “unha vez obtidas as autorizacións por parte de Patrimonio”, o cal fai temer que aínda non se explorou esta autorización por parte do executivo que preside Barral. Tampouco tería remitido o proxecto para reparar a Fonte das Catro Estacións xa que o comunicado asegura que “xunto con esta obra, a alcaldesa explicou que xa se remitiría a Patrimonio o estudo para pedir a súa autorización para poder realizar as obras necesarias na Fonte do Catro Estaciones despois dos desprendementos que se produciron neste elemento”.

O goberno local, deste modo, estaría evitando acurtar prazos de trámites meramente administrativos para poder actuar sobre o Pasatempo para garantir a súa conservación. Algo similar ao que o PSOE fixo desde a Deputación, onde tras anunciar o convenio para o parque para 2017, o presidente, Valentín Formoso, adiouno primeiro para 2018 e aínda de hoxe segue pendente de sinatura. Non sen polémica dentro do bipartito provincial de PSOE e BNG. No medio, o goberno local anunciara outro proxecto para o parque, sen ter fondos municipais. Nestes xogos de palacio o Pasatempo perdeu un tempo crucial no que varios elementos senlleiros foron víndose abaixo. Desde 2018, o goberno Barral pechou o parque de maneira que resulta imposible coñecer se o deterioro avanzou desde entón, un extremo que denunciou insistentemente a anterior directiva da Asociación de Amigos do Pasatempo. A pesar deste xogo durante anos, letal para o Pasatempo, non hai moito Barral acusaba á Xunta de ter “perdido” seis meses na conservación do parque enciclopédico.

O goberno local anuncia no seu comunicado que as obras do Estanque da Gruta irán tamén a conta do convenio coa Deputación. Limita o máis de medio millón de fondos que aporta a área de Patrimonio do ente provincial, que dirixe o deputado nacionalista e vicepresidente Xosé Regueira a “algunha achega da Deputación” cando é quen corre co groso do investimento no parque malia non ter ningunha competencia directa no mesmo e a súa conservación.

A obra, segundo o goberno local, constará de “dúas actuacións: unha centrada nunha serie de medidas urxentes para evitar máis deterioración e outra, nunha segunda fase, para a súa restauración integral”.