Barral anuncia agora que desiste de gastar 260 000 euros en amañar a pasarela do Pasatempo

A valla que advirte dunhas inexistentes actuacións de mantemento no Pasatempo. BNG.

Tras anunciar que non investiría os 260 000 euros na pasarela do Pasatempo e que só faría traballos mínimos de mantemento, tras o aluvión de críticas o goberno local anunciou que comunicará á Deputación que desiste do proxecto. É un trámite obrigado dado que este investimento está incluído no Plan Único de 2018, que aprobaran en decembro de 2017 os votos de PSOE, PP e mareas- as dúas marcas, ambas desaparecidas, Betanzos Novo e Betanzos en Común- no pleno betanceiro, co único voto en contra do BNG.

A Deputación terá que autorizar que decaia o proxecto para poder destinar os fondos a calquera dos proxectos incluídos no plan complementario daquel ano.

Segundo explica o goberno local nun comunicado é que “a intención do Concello é abordar, cando se abra o parque, un mantemento da mesma, como viña facendo cada ano, pero “non un investimento de reforma integral”. Unha intervención que, a pesar do que di o goberno local na súa nota, non se fixo nos últimos anos, como resulta evidente cun simple vistazo á estrutura.

Asegura o goberno local no comunicado que “os recursos económicos que poida obter o Concello para obras no parque do Pasatempo serán para a recuperación integral do parque, por fases, como estamos a facer, e iso debe de ser o prioritario”. “A pasarela peonil nestes momentos non é unha cuestión prioritaria” asevera, a pesar de cuestionar a oposición dos nacionalistas e da Asociación de Amigos do Pasatempo en decembro de 2017 por asegurar que, na altura, xa non o era. Convén lembrar que o Estanque da Gruta caera en febreiro daquel 2017 e que aínda hoxendía o goberno local  non ten, sequera, proxecto para recuperalo, pois acaba de anuncialo a pasada semana.