As rúas da cidade antiga: a rúa do Rollo

Cruce do Rollo coa rúa Rosalía de Castro, onde estivo o Rollo Xurisdiccional

As rúas da antiga cidade de Betanzos exténdense por fóra do perímetro da vella muralla medieval, alcanzando lugares insospeitados. Un destes, imposible de crer pola súa actual configuración, é a rúa do Rollo, o antigo camiño a Compostela que parte bordeando o vello mosteiro dominico cara a vella ponte das Cascas. Unha rúa, aparentemente, dos anos sesenta, pero que encerra unha historia moi anterior.

E non só por ser trazado do Camiño Inglés a Compostela, o que a fai xa de por si un elemento patrimonial. Nin por arrincar ao pé do Arquivo do Reino. O nome desta rúa provén do vello rollo xurisdiccional ou picota, símbolo do poder da cámara municipal das vilas de reguengo. É, en definitiva, a historia viva dunha vila- logo cidade- non sometida a poder señorial e é a representación, como explica o cronista oficial no traballo que lle dedica, do propio Concello como entidade e poder territorial.

Rollo xurisdiccional en Vila do Conde, Portugal

Aínda que nun primeiro momento, e logo do traslado da vila- como tal xa intitulada- o rollo estivo na praza, moverase nalgún momento ao fondo do Campo da Feira, dando nome ás súas inmediacións. Neste “sitio do Rollo” pesábase tamén a fariña que volvía, polo Camiño Real, dos muíños de Roibeira, Marulo, Acea e toda a beira do Mendo de retorno á cidade. Como rúa do Rollo, xa aparece nomeado o lugar en 1824 segundo documenta Erias.

Alí, no alto do Camiño Real e no cruce cun pasadizo que levaba ao camiño de Castela permanecería ata a súa destrucción. Antes, en 1817 un veciño pedirá movelo, comprometéndose a adecentalo, para amañar as súas parcelas. O 11 de marzo dese ano, segundo o cronista, “el Ayuntamiento de Betanzos se inhibía de la obligación de mantener bajo su custodia, control y vigilancia el símbolo jurisdiccional por excelencia: El Rollo” nunha das “Escrituras más vergonzosas de las efectuadas por la Justicia y Regimiento de la ciudad de Betanzos” por derivar a mans privadas manter este símbolo do poder da cidade.

Descoñécese a sorte que en diante correu o Rollo. No lugar onde se alzara ubicouse un cruceiro, feito a partir de vellas pedras no seu fuste e usando de peana o contrapeso dun vello lagar. Derrubouse en 1932 e ao pouco as pedras desapareceran do lugar, polo que non se pode determinar se foi construído a partir do vello rollo. Permanece, en todo caso, o nome do lugar.