As rúas da cidade antiga: A Cruz Verde

As rúas da antiga cidade de Betanzos exténdense por fóra do perímetro da vella muralla medieval, alcanzando lugares insospeitados. Un destes, imposible de crer pola súa actual fisonomía, é a rúa da Cruz Verde, que parte bordeando o vello mosteiro dominico cara a Lugo. Unha rúa, aparentemente, dos anos sesenta, pero que encerra unha historia moi anterior.

E non só por ser trazado do antigo camiño real cara Lugo, o que a fai xa de por si un elemento patrimonial. Nin por arrincar ao pé do templo de San Domingos. O nome desta rúa provén da cruz verde que os frades dominicos exhibían cando actuaban ao mandato da Santa Inquisición.

Aspecto da praza no remate da Cruz Verde

Con este dato xa poñemos de relevo que este barrio medieval, situado extramuros da cidade, era o barrio xudeo de Betanzos, que polas actuais rúas da Cañota e Os Ánxeles chegaba á Cruz Verde. Canda este, outros topónimos como o dos Xudeos- antigo nome do barrio que dá identificador a unha rúa-, ou a chamada Granxa dos Xudeos- actual praza de Francisco Iglesias e rúas colindantes, deixan idea da fonda pegada sefardí deste antigo barrio.

O topónimo Cruz Verde, explica Alfredo Erias no seu traballo sobre o rueiro no Anuario do 1984, é moi repetido en vilas e cidades onde houbo xudería. A betanceira situouse no camiño real cara Lugo, que fora antes vía romana entre Brigantium e Lucus Augusta, polo que ten un trazado milenario.

O aspecto actual dista moito de ser o dun barrio medieval. Derruída a porta que o comunicaba co lugar dos Ánxeles- nunha calexa escalonada que substituíu o camiño orixinal- da arquitectura do barrio xudeo sálvanse apenas o chamado Calexón dos Xudeos, recentemente remozado, que discorre por un corredor interior, ao que se accede por unha falsa vivenda, que serviu en tempos para escaparen os falsos conversos do Santo Oficio.

Apenas quedan na rúa media ducia de casas sinxelas, de balcón corrido mariñán e dinteis en chaflán, a pista para outros xudeos de que habían atoparse nelas entre irmáns de fe. Despois de sepultar o barrio entre bloques de pisos durante décadas, ao goberno socialista acordoulle “homenaxear” o desaparecido barrio– que carece de calquera protección a nivel patrimonial- dedicándolle unha pérgola ao remate da rúa da Cruz Verde. Segundo explicou, as tres alturas e bancos de madeira en que se divide a pequena praza son unha evocación das casas de tres plantas do practicamente desaparecido barrio xudeo.

O cruceiro da Cruz Verde está ante a casa ruinosa

Un barrio que, tal vez tratando borrar calquera pegada ou eco sefardí, fora incluído, pola Corporación de 1823, no “Barrio del Fuente Dta (Dunta) con sus Calles, Calle de las Monjas desde la Casa de Dª Teresa Failde, Fuente Dta Cañota hasta la Casa de los herederos de Dn Juan LaCaba, Cruz Verde, Camino nuebo de Castilla hasta Santo Domingo, parte del Campo de Agar compuesto dela Rua de herradores con sus Venelas hasta la Casa de Dn. Ylario Naveira”, como xa nos contara no seu momento o Cronista.

O barrio encerra un enorme valor patrimonial malia a destrucción que sufriu nas últimas décadas. Ademais dos últimos vestixios da propia xudería, pola antiga Granxa dos Xudeos entra na cidade o acueducto que, provinte de San Xiao, surte de auga a Fonte de Diana.

No remate do barrio, movido, está un cruceiro que toma nome da rúa e que foi testemuño do fusilamento do brigadier Samitier, o último represaliado tras a Revolución Galega de 1846. O mártir de Betanzos, fusilado uns días despois dos Mártires de Carral, quedara ao mando do Lugo provincialista na primavera de 1846.

Fronte ao seu actual emprazamento, no camiño novo a Lugo (nomeada Avenida de Castela actualmente) a antiga casa cuna dos carmelitas acolle actualmente un hotel. Son parte deste antigo barrio, totalmente desfigurado, que aínda dá a benvida á nosa cidade.