As obras do patio cuberto do aulario faranse durante as vacacións

Imaxe do aulario

Non haberá vacacións no aulario de educación infantil do CEIP Vales Villamarín. Os berros dos cativos darán paso, no que remate o curso, ao ruido de formigoneiras e operarios xa que as obras do patio cuberto empezarán ao día seguinte do inicio das vacacións escolares, segundo o goberno local.

A intención é que as novas instalacións estean operativas para o inicio do vindeiro curso, polo que se executarán durante o verán. O Concello reservou, por unanimidade da Corporación, 170 000 euros con cargo ao remanente de tesourería de 2017 para afrontar esta actuación que a Xunta se nega a executar malia ser a titular do centro escolar.

O aulario gañará así un espazo cuberto de máis do dobre que o actual, ampliandose o actual soportal na mesma estética do edificio, para ofrecer aos alumnos 370 metros cadrados que non impedirán posibles ampliacións do edificio en función do incremento da matrícula.