As obras do camiño seguro escolar provocan o corte da avenida do Carregal

Imaxe do Centro de saúde do Carregal, por diante do cal transcorrerá o camiño seguro

Coincidindo co inicio das VII Xornadas de formación e sensibilización sobre a atención á diversidade o goberno local anunciou que esta semana darían inicio os traballos de construcción do primeiro camiño seguro escolar, unha senda que unirá a Feira Nova- praza de Afonso IX- co CEIP Vales Villamarín.

Esta intervención transcorrerá ao longo de 850 metros ao longo de tres vías de titularidade municipal. Nelas, anuncia o goberno local, sinalizará con imaxes de parrulos este trazado, nunha actuación que non semella ter ningunha complicación con outras administracións nin con grandes investimentos alén do reforzo de sinalización e reforzo das medidas redutoras de velocidade xa existentes na avenida do Carregal.

A actuación, que o PSOE leva demorando desde 2013, obrigou a practicar cortes de tránsito nos extremos da avenida do Carregal, para elevar tres pasos de peóns. O corte de tráfico só é perceptible unha vez que os vehículos se adentran no Carregal, causando manobras de media volta e retencións.