As ANPAs chaman a manifestarse o 16 no Cantón en demanda dunha volta segura ao colexio

CEIP Vales Villamarín

O vindeiro mércores 16 de setembro haberá mobilizacións a prol dunha volta segura ás aulas. Chaman, en practicamente todas as cabeceiras comarcais do país, os sindicatos CIG,CCOO, STEG, e CSIF- a inmensa maioría de sindicatos de ensino do país, agás a UXT afín ao PSOE- e entidades como a Confederación de Anpas Galegas e  todas as federacións que a intergran, a CONfAPA e a Plataforma en Defensa do Ensino Público Galego.

En Betanzos o chamado será ás 19 h no Cantón de Claudino Pita. As ANPAs Brigantium, do CEIP Vales Villamarín, e O Carregal, do IES Francisco Aguiar, chaman a secundar o chamado gardando todas as precaucións sanitarias exixidas actualmente. Sen sumarse á convocatoria, a ANPA do IES As Mariñas tamén reproba, nun comunicado na rede social facebook, o protocolo de volta ás aulas deseñado polo goberno Feijóo e declara a súa indignación xa que “creemos que no se piensa en ningún momento en el bienestar y seguridad de nuestros alumnos”.

A ANPA Brigantium manifesta a súa “preocupación, e tamén o medo, a un posible contaxio do alumnado ao comprobar que os protocolos da Xunta, os únicos que se van aplicar no noso colexio, non fan ningunha referencia a determinados aspectos como:
– A contratación de máis profesorado, condición imprescindible para rebaixar a ratio do alumnado por aula, que a todas luces é excesiva. Vinte e cinco alumnas e alumnos por aula fai difícil o control do profesorado e o mantemento das distancias de seguridade, que con tanta insistencia trasladamos aos nosos fillos e fillas. Esta é unha medida esencial para diminuír o número de contaxios e, polo tanto, para non condenar ao confinamento a moitas familias, no caso dun positivo nunha aula. Nun colexio de mil alumnos e alumnas, como é o noso, vai ser difícil que estas situacións non aparezan e, ata o momento, só temos constancia da contratación dunha soa profesora ou profesor a maiores para todo o centro.
– Aumento de espazos útiles para que o alumnado poida manter as distancias sen estar sometido a excesiva presión, que xa é elevada dada a situación sanitaria, e que, por outra banda, xa recae sobre o profesorado e o alumnado na súa totalidade. Estes espazos poderían ser cedidos polo Concello, no caso de non ser posible no propio colexio.
– A ausencia de reforzo sanitario, que xa debería existir nun colexio desta dimensión, pero que nesta situación faise aínda máis necesario. De novo, cárgase sobre o profesorado a responsabilidade da vixilancia sanitaria do alumnado.
– A necesidade de reforzos no transporte escolar. Sabemos que son as mesmas normas que en calquera transporte público, pero desgústanos que a Consellería nos venda a necesidade de manter “aulas burbullas”, sen conexión entre elas, cando logo nos buses conviven nenos e nenas de distintas “burbullas”. A única forma de diminuír os riscos e baixar o número de nenos e nenas nos buses é reforzando o transporte escolar, por non falar da desinfección, que recae sobre a empresa adxudicataria, sen ningún tipo de control por parte da administración.
– Este ano, máis que nunca, o reforzo emocional vai ser moi necesario para os nenos e as nenas, sobre todo d@s que teñan necesidades especiais. O colexio vai contar este ano con dúas orientadoras, as mesmas que o curso pasado.
– En relación ao ensino telemático, que será necesario no caso dun confinamento parcial ou total do alumnado, non entendemos que trala experiencia de todos estes meses, esperen ao mes de setembro para formar ao profesorado neste tipo de ensinanza. Teoricamente, o centro está preparado tecnicamente para impartir este tipo de ensino, que esperamos sexa posible desde o primeiro día se un neno ou nena ten que quedar na casa confinad@ por motivo da pandemia.
Sabemos que moitas destas reivindicacións non son responsabilidade da dirección do centro ou do Concello, pero as familias sentímonos abandonadas polas autoridades, tras comprobar que seis meses despois do inicio da pandemia non houbo ningún tipo de previsión e que a improvisación foi a tónica xeral. Así o demostran as sucesivas modificacións nos protocolos e as que aínda están por chegar.
Animamos ás familias a que poñan en coñecemento desta ANPA, como representación de todas as familias do Vales Villamarín, as inquedanzas e propostas que poidan mellorar determinadas situacións que se produzan durante este curso escolar. É necesario que participemos activamente no funcionamento do centro como parte esencial da comunidade educativa de Betanzos”.

Xa amosou o seu respaldo á convocatoria o BNG.

O PP exixe ao Concello que asuma as responsabilidades da Xunta e o BNG demanda un persoal que o goberno Barral non poñerá

No entanto, a situación da volta ás aulas en Betanzos continúa provocando non poucos crebadeiros de cabeza. O PP tentou situar no ámbito de responsabilidade do goberno local a situación que se poida dar nas aulas no CEIP Vales Villamarín- o máis masificado do país- exixindo ao Concello cousas que son responsabilidade da Xunta. Cecilia Vázquez exixía ao goberno local “medidas reais e efectivas” para garantir a conciliación no medio da pandemia. O goberno local anunciou unha serie de medidas para os servizos complementarios como comedor e mañanceiros que son inviables sen contratar máis persoal, un extremo que tería negado nunha xuntanza coa comunidade escolar, como trascendeu na reunión de inicio de curso cos pais e nais no CEIP Vales Villamarín. María Barral queixárase antes de que a Xunta exixía aos concellos asumir a limpeza dos centros. Un extremo que, á súa vez, a Deputación demostrou ilegal ao ficar claro na lexislación que é competencia da Xunta.

Precisamente isto todo levou ao BNG a demandar máis persoal para garantir o cumprimento da normativa no tocante aos chamados “grupos burbulla” tanto no comedor como nos restantes servizos complementarios do colexio. Na súa triple condición de portavoz municipal do BNG, nai de alumnado e docente no IES As Mariñas, Amelia Sánchez lembraba precisamente que “a persoa que exerce os labores de limpeza do aulario do Vales é a mesma que se encarga de mudar as pequenas cando o necesitan. Atender este cometido e incrementar a limpeza do centro vaille resultar, cando menos, complicado”.