Arrinca unha nova “Semana do Pincho”, de dez días

Tortilla de Betanzos

O concepto “semana”, como “serie de sete días que van de luns a domingo ou de domingo a sábado, na consideración relixiosa” que diría a Real Academia semella non estar moi arraigado no goberno local. O executivo municipal organiza unha nova edición da “semana” do pincho, desde hoxe ata o 8 de decembro. No evento, de dez días de duración, toman parte 26 establecementos.

A dinámica do evento é a de sempre: un xurado visitará todos os establecementos, probando as elaboracións e fará unha primeira peneira da que sairán 5 finalistas, entre os que outro xurado, con participación de profesionais do sector, escollerá o vencedor o último día da Semana do Pincho.

En paralelo a clientela poderá selar un boleto en cinco establecementos diferentes para poder votar o premio popular, participando ademais nun sorteo.

Os concursos de pinchos son ultimamente un reclamo en moitos concellos. Na nosa comarca, ademais de Oza-Cesuras, cando menos Betanzos (varias veces ao ano), Miño e Sada organizan este tipo de eventos.