Arrancan as VII Xornadas de Diversidade, nas que intervirá Tonucci

Na praza de Fernán Pérez de Andrade o PSOE propón recuperar o estacionamento dentro do seu plan de “parking express”

Os tres centros públicos de ensino da cidade, as tres ANPAs, a autoridade educativa da Xunta, co patrocinio do Concello e a colaboración do Grupo Santillana convocan unha nova edición das Xornadas de formación e sensibilización sobre a atención á diversidade.

Hoxe ás cinco levantan o pano coa benvida de autoridades e unha ponencia centrada na necesidade de “escoitar ao que aprende para falar ao que ensina”, impartida por José Antonio Fernández Bravo. As conferencias proseguirán ata a actuación de Xoán Curial co seu espectáculo “canta, miña pedra, canta”.

O sábado retomaranse as xornadas con “A escola que eu quero” a cargo de Mª del Mar Romera e chegarán ao seu culmen as xornadas coa intervención de Francesco Tonucci.

O modelo de Tonucci fronte ao modelo do goberno local

O pedagogo italiano, autor de “A cidade dos nenos”, intervirá o sábado pola tarde, defende reinterpretar escolas e cidades “desde os ollos dos nenos”. A transformación urbana de Pontevedra ou os programas para “poñer a andar escolares” implementados en municipios como Carballo, que reportaron senllos recoñecementos internacionais aos seus rexedores nacionalistas, están baseados nos postulados de Tonucci.

As xornadas rematarán o sábado coas danzas gremiais de mariñeiros, pero antes haberá opción de catar un menú especial composto por A Artesa da Moza Crecha no Matadoiro, tras un roteiro polo Casco Histórico deseñado polos escolares de Betanzos, que demandaron ao goberno local que implantase na cidade o modelo propugnado por Tonucci. Os postulados do executivo local do PSOE, refrendado nas urnas hai dúas semanas, van na liña contraria, retomando o tránsito e estacionamento nese mesmo espazo.

Estas VII Xornadas de formación e sensibilización sobre a atención á diversidade son unha actividade recoñecida pola Consellería de Educación como 12 h na modalidade xornadas, outorgando unha certificación do CFR da Coruña para docentes en activo e certificación de asistencia ao resto dos participantes.