Arde unha máquina do tren en Infesta

A estación de Infesta

Unha decea de pasaxeiros do tren que saíu onte da Coruña ás 14:30 tiveron que proseguir a súa viaxe en taxi desde Betanzos-Infesta. A causa, unha avaría que provocou o incendio da máquina do tren.

Segundo informa a central de emerxencias 112, sobre as 15.00 horas técnicos do centro de seguridade de Adif avisaron do lume. O 112 desprazou á zona bombeiros de Betanzos, Garda Civil, Policía Local e Protección Civil, aínda que finalmente as chamas foron sufocadas polos propios maquinistas coa axuda de extintores.

Á súa chegada, os bombeiros arrefriaron a zona e contiveron a vertedura que a máquina derramara polas vías, en colaboración con persoal de Adif. Os pasaxeiros prexudicados polo incidente poderán solicitar unha indemnización a Renfe polos prexuízos ocasionados.