Árbores da cidade: o buxo

A parte vella do cemiterio ten valor patrimonial e garda varios exemplares centenarios de teixos e buxos

A parte vella do cemiterio ten valor patrimonial e garda varios exemplares centenarios de teixos e buxos

Ademais das fragas e demais espazos naturais que a rodean, unha cidade ten tamén pequenos espazos verdes que contribúen a limpar o aire e facer a vida máis levadeira para os seus habitantes. Un parque (do francés parc) é un terreo situado no interior dunha poboación, que se destina a prados, xardíns e arboredo servindo como lugar de esparexemento e recreación dos cidadáns. Mais tamén nas cidades hai árbores fóra dos parques, prantados con finalidade ornamental. En ocasións, sexan árbores autóctonas ou provintes de outras latitudes, cobran valor de seu e noutras simplemente fannos a vida máis doada. Xornal de Betanzos comeza un repaso ás principais variedades botánicas que podemos atopar nas rúas da nosa cidade. E facémolo cunha árbore ou arbusto moi presente na nosa cidade, aínda que poida pasar desapercibida: o buxo.

O buxo é unha das poucas árbores autóctonas que podemos atopar entre as rúas e xardíns da nosa cidade. Débese á súa versatilidade e resistencia. É unha árbore ou arbusto do xénero Buxus de follas perennes, da familia das Buxáceas, que pode atinxir unha altura ata de 5 ou 6 metros. Son plantas de crecemento ás veces moi lento, que pode vivir varios séculos. Hai dúas especies indíxenas en Europa: Buxus balearica, ás veces chamado buxo de Maó, que medra en estado salvaxe en Andalucía nas serras de Segura e Cazorla, así como nas Illas Baleares e Sardeña. E a outra, a especie que abunda en Galicia, é o buxo común, Buxus sempervirens, que medra brava dende as Illas Británicas até a beiramar mediterránea e o Mar Caspio.

O buxo común adoita ter hábito arbustivo ou de arboriña, podendo acadar excepcionalmente os 12 m de altura. O talo ten moitas poliñas, a casca é lisa non exemplares máis novos, e gretada nos máis vellos, de cor parda cinsenta. As follas son perennes, lanceoladas ou ovadas elípticas, opostas, coriáceas, de cor verde escura pola face e máis claras polo envés, de até 30 mm, co bordo algo curvado cara abaixo. As flores son monoicas, con masculinas e femininas presentes no mesmo exemplar; aparecen nos comezos da primavera, en inflorescencias miudiñas de varias flores masculinas e unha feminina nas axilas foliares. Miden uns 2 mm, de cor amarela, pouco vistosas, carentes de corola, sen recendo porén ricas en néctar, que atrae a himenópteros (abellas, avésporas…) e dípteros (moscas). O froito é una cápsula marrón ou cinsenta, coriácea, de arredor de 1 cm de lonrgo, que contén numerosas sementes.

Medra bravo en zonas de matos, outeiros e outros terreos máis ben secos e rochosos de Europa e Asia menor. Prefire a media sombra, aínda que atura ben o sol se ten humidade de abondo. Prefire os solos ben drenados, ricos, mais nunca enchoupados, lixeiramente calcarios se non son neutros. Cómpre dun inverno fresco, resistindo ben as xeadas, o vento e a seca. De crecemento moi amodo, pode acadar os 600 anos de idade. Dáse de preferencia nos terreos calcarios da zona norte e oriental da Península Ibérica. Atura moi ben a poda e non perde a follaxe polo inverno. Pode regromar de cepo tralos lumes.

Cultívase con frecuencia coma ornamental de xardinaxe, especialmente para formar sebes de topiaria. Medra moi amodo, polo que rara vez se produce de semente, preferíndose a reprodución por esgallos. Tamén en ambiente natural e bravo se reproduce por estolóns. Común e bravo en Galicia, emprégase moito coma ornamental en xardinaxe formal, especialmente a xeito de sebes.

O ser humano ven dándolle, desde tempo inmemorial, cando menos tres usos: aproveitamento da madeira, xardinaxe e medicinal. A dureza e fino gran da súa madeira fixo que se empregase coma prancha de greavados e imprentas, así coma para instrumentos de vento-madeira, especialmente en Galicia a gaita. O ton da madeira é amarelento e é moi densa. En ebanistaría úsase en traballos de torneado e pequenos trebellos caseiros, pola súa estrutura homoxénea e non fibrosa (culleres, cuncas etc.). Tamén se empregou para pequenas estatuas ou esculturas e para os gravados ao buxo, nos que se produciron obras mestras; é ademais moi usada polos torneiros, e con ela se fixeron e se fan no noso país buxainas, culleres, fusos, panillos para as sonadas puntillas de Camariñas, garfos e outros obxectos varios.

As follas foron usadas coma substituto do lúpulo na fabricación de cervexa. Cómpre andar con ollo na súa manipulación, pois as follas e froitos son tóxicos, mais non para algunhas aves que espallan as sementes. Contén varios alcaloides, en especial ciclobuxina D, que se concentra até nun 3% nas follas e na casca. A ciclobuxina ten unha dose media letal de 0,1 mg por quilo de peso. Porén, atribúenselle propiedades medicinais, contra a malaria e as infeccións intestinais especialmente. O seu uso é sumamente perigoso; unha sobredose lixeira pode producir vómitos, porén resulta fatal en concentracións máis elevadas. Os alcaloides esteroídicos confírenlle propiedades como sudorífico, laxantes-purgantes, segundo a dosificación, colagogo e cardiotónico.

Topicamente tense usado como antiséptico. A casca tense usado como antihelmítico, as follas como sucedáneo da quinina en febres maláricas. A destilación dun óleo esencial eficaz en odontoloxía. En homeopatía como antirreumático. Indicado para disquinesias hepatobiliares, estrinximento, reumatismos (como depurativo). Feridas, alopecia, psoríase e dermatite seborreica do coiro cabeludo. Contraindicado con tratamentos con parasimpaticolíticos, hipotensión, convalecencia, embarazo, lactación e nenos menores de 15 anos, gastrite, ulcus gastroduodenal. Pode producir irritación das mucosas dixestivas. Non é recomendábel o seu uso coma purgante: pode causar dores cólicos por irritación gastrointestinal e, en doses maiores, trastornos nerviosos e respiratorios, pola súa acción sobre o sistema nervioso central. Cando se aplica topicamente, pode producir dermatite de contacto.

Úsase a casca da raíz e mailas follas. Apáñase durante todo o ano. Infusión de uso interno: unha cullerada de café por cunca. Repousar 10 minutos. Tomar tres veces ao día (lembrar que pode producir irritación gástrica). Infusión en uso externo ao 5% en forma de fretas e locións.

O pazo de Mariñán visto desde os xardíns

O pazo de Mariñán visto desde os xardíns

Finalmente, na xardinaría non hai pazo que se prece de tal sen contar cunha boa sebe de buxo, a pesar de non saír no coñecido refrán que relata os elementos definitorios do pazo- “capela, pombal e ciprés, pazo é”. Desde a época clásica, usouse en Grecia e Roma para demarcar xardíns formando sebes. Aínda despois da caída do Imperio Romano debeu perdurar o seu uso, posto que Alberto Magno documenta no século XIII que na actual Alemaña se conservaban exemplares a ese efecto, aínda que se ignora se moi extensamente. Con Claude Mollet gozou de grande aceptación nos elaborados xardíns renacentistas. Nos xardíns o buxo emprégase a miúdo a xeito de sebe, mesmo tallado e en figuras. É a base da chamada arte topiaria, que no barroco e na xardinería dos pazos fidalgos galegos atopou cume.

O buxo padece o ataque dun fungo que produce o chamado cancro do buxo, caracterizado por manchas de cor rosada ou vermella en follas e pólas; diminúe marcadamente o vigor da planta e pode aínda chegar a matala. Utilízanse preparados de cobre para combatelo. Hai outro fungo que provoca a caída das follas, manifestándose con pintas brancas persistentes e outro máis que pela as sebes e afecta a raíz de maneira incurábel. Son unha preocupación para o mantemento de senlleiras plantacións de buxos, como a do pazo de Mariñán.

Polo seu agromar salvaxe, por rebrotar logo dos incendios, a dureza da súa madeira e as propiedades medicinais e tóxicas dos seus froitos, non é de estranar que o buxo estea moi presente na cultura galega como planta con propiedades máxicas e múltiples usos. Aínda é de uso frecuente a locución “forte como un buxo” ou “estar como un buxo” para definir a fortaleza e saúde de alguén.  Rosalía de Castro recolleu en “Follas Novas” unha referencia á vida centenaria desta planta e no seu “Diccionario” Eladio Rodríguez fixo unha escolma das propiedades atribuídas de vello a esta planta no noso país.

Falar de buxos nas Mariñas dos Condes leva sen posibilidade de disociación a falar do Pazo de Mariñán, que ten unha das mellores mostras de xardín pacego do país, onde o buxo é o protagonista absoluto do seu xardín italiano. Mais non é o único caso de pés centenarios desta planta. Na nosa cidade, as sebes da parte antiga do cemiterio acumulan máis de dez décadas, idade que comparten cos teixos que alí moran, e as configuran como a plantación máis vedraña do noso municipio.

Está moi presente dun tempo a esta parte na nosa cidade, pois ocupa boa parte das macetas e xardineiras da zona centro desde hai uns anos. Sebes recortadas poboan tamén o parterre da estatua dos García Naveira e delimitan boa parte do espazo das terrazas ao pé dos antigos soportais dos ferradores. No Pasatempo delimitan os xardíns dos continentes na parte histórica do recinto, no paseo da Galera pechan os parterres e no parque Pablo Iglesias conforman unha parte do peche perimetral do xardín. Son só algúns exemplos dunha presenza que apenas ofrece cambios ao longo do ano, sempre verde.