Árbores da cidade: as árbores desaparecidas

Dúas carreiras de magnolios ocuparon durante anos a praza, antes da súa substitución por un xardín de roseiras. Desa época só queda o da praza de Lanzós

Dúas carreiras de magnolios ocuparon durante anos a praza, antes da súa substitución por un xardín de roseiras. Desa época só queda o da praza de Lanzós

Ademais das fragas e demais espazos naturais que a rodean, unha cidade ten tamén pequenos espazos verdes que contribúen a limpar o aire e facer a vida máis levadeira para os seus habitantes. Un parque (do francés parc) é un terreo situado no interior dunha poboación, que se destina a prados, xardíns e arboredo servindo como lugar de esparexemento e recreación dos cidadáns. Mais tamén nas cidades hai árbores fóra dos parques, prantados con finalidade ornamental. En ocasións, sexan árbores autóctonas ou provintes de outras latitudes, cobran valor de seu e noutras simplemente fannos a vida máis doada. Xornal de Betanzos continúa co seu repaso á flora das rúas e parques da nosa cidade facendo unha parada para recordar todas as árbores que, por un motivo ou outro, marcaron a vida de Betanzos.

Algunhas recordadas polo seu porte monumental, outras por ser especies exóticas, outras polas formacións das que facían parte, moitas son as árbores senlleiras que desapareceron nas últimas décadas. O certo é que Betanzos perdeu boa parte do seu patrimonio arbóreo no treito final do século XX e só así se explica que un municipio histórico coma o noso apenas teña un par de pés centenarios. A relación a bo seguro deixará moitas árbores sen sequera mentar, mais algunhas destas árbores merecen, aínda que sexa, unhas liñas de recordo.

Xa falamos máis veces do vello “pino”, o cedro que se plantou no xardín das vivendas sindicais do Grupo Caneiros, durante anos árbore de Nadal do Concello. Resistiu o embate dos restos do furacán Hortensia, que o deixou desfigurado para sempre, pero o Klaus xa foi demasiado para el. Sumaría uns setenta anos e deixou paso a un arce vermello enano, nin sombra do que alí houbo.

Ao fondo á esquerda do Campo neste día de festa vese a gran árbore que lle facía sombra ao campanario

Ao fondo á esquerda do Campo neste día de festa de 1900 vese a gran árbore que lle facía sombra ao campanario

Unha grande árbore- álamo acaso- medrou próximo á igrexa de San Domingos, onde agora está o quiosco. Canda esta especie, a comezos do século XX e finais do XIX o plátano de sombra era a árbore escollida para plantar en aliñamento á beira das estradas e para substituír aos carballos nos campos da feira. Desapareceu de moitas vías, como a ringleira que daba sombra á estrada de Santiago en Infesta, e resistiu, mermadas as poboacións, no campo da Feira Nova. O campo dos Caneiros plantouse á imaxe dos campos das feiras- fonte e palco incluídos- e se ben moitos pés desapareceron, vítimas dos anos, vándalos ou engulidos polo Mandeo, outros resisten.

A Eira Vella tamén tivo plátanos de sombra á beira da estrada

A Eira Vella tamén tivo plátanos de sombra á beira da estrada

Sen saír do Campo, desapareceu tamén boa parte do parterre do palco da música. O senlleiro neste caso é a autoría do proxecto de axardinamento, firmado por Rafael González Villar como complemento ao seu palco art-decó e para disimular entre flores e verde parte do zócalo de obra. Outro xardín neste entorno, na praza de Galicia, desapareceu e só pode recordarse en vellas fotos de época-adivíñanse coníferas e buxos- e as vellas acacias da Alameda-non está referenciado que houbese álamos neste emprazamento, mais debeu habelos no inicio a xulgar polo nome- deron paso, hai vintecinco anos, aos actuais carballos americanos. As falsas acacias do Campo, como xa publicamos, acabaron no recinto feiral de Bellavista.

O ciprés da praza da Verdura (actual rúa de Santiago). Ademais da árbore, neste caso desapareceu tamén do Concello este óleo de Seijo Rubio

O ciprés da praza da Verdura (actual rúa de Santiago). Ademais da árbore, neste caso desapareceu tamén do Concello este óleo de Seijo Rubio

Polo seu porte, é reseñable a desaparición das ringleiras de magnolios pareados da praza da Constitución. De toda a plantación de magnolios de finais do XIX tan só se salvou un exemplar, o centenario da praza de Lanzós- queda outro, centenario tamén, no parque Pablo Iglesias, xunto a unha magnolia, parte da colección de camelias e algún outro pé máis da plantación orixinal do xardín. Preto de alí tamén desapareceu o ciprés da praza da Verdura, retratado por Seijo Rubio nunha obra propiedade do Concello. Neste caso, por desaparecer, ata desapareceu a propia pintura, segundo denunciou o cronista oficial da cidade no seu web.

Daquel tempo foi o proxecto de plantación do parque Pablo Iglesias, no recheo do vello curso do Mendo. Algúns pés sobreviven ao paso do tempo, como acabamos de ver, e suman os seus cen aniños, pero outros moitos desapareceron. Destacaremos dous, un caso polo seu porte e outro pola rareza. Os vellos e impoñentes castiñeiros que pechaban unha parte do parque caeron hai unha década. Enfermidades e temporais mellaron nas vellas pólas ata aconsellar a tala dos últimos exemplares, ubicados no fondo contra o Mendo e mais na traseira da casa sindical. E por exemplar curioso, do que non se gardan fotos coñecidas, a desaparecida palmeira canaria- das que queda media ducia de pés centenarios en tres dos catro vértices do cadrado do recheo que facían as veces de entradas ao xardín- que estaba coroada e parasitada por un eucalipto, na entrada ao recinto máis próxima á estación.

O campo da Feira Nova ao pouco de ser plantado. A súa supeficie minguou considerablemente

O campo da Feira Nova ao pouco de ser plantado. A súa supeficie minguou considerablemente

Pola súa cor característica moitos aínda recordarán unha árbore vermella, do xénero prunus, de porte impoñente que medraba na Ponte Nova, ao pé da que unha coñecida destilería da localidade tiraba as borras das cocidas de augardente. Fronte a ela, nun xardín público, foron plantados outros pés do xénero prunus tamén vermellos. Apenas queda algún.

Desapareceron tamén as vellas e impoñentes nogueiras que asombraban o patio e o muro das Escolas do Asilo. Neste caso foron substituídas por bloques de pisos, ao igual que os piñeiros que coroaban a cima do Rollo e que, a pesar de estar protexidos, o Concello foi incapaz de respectar cando se urbanizou a cuña entre Cal das Barras e o Rollo. O seu lugar ocúpao unha rotonda e tres falsas acacias xunto a un muro parcialmente devorado por unha parra virxe.

O desaparecido mimoso do lavadoiro das Cascas

O desaparecido mimoso do lavadoiro das Cascas

Ao fondo do Rollo, outra árbore desaparecida que pola súa monumentalidade e cor facía que non pasara desapercibida era a impoñente mimosa do Lavadoiro das Cascas. O marelo das flores facía contraste coa fachada enlucida da singular obra dos irmáns García Naveira. E falando deles, todo canto se perdeu do orixinal Pasatempo daría para outra reportaxe aínda máis ampla ca esta, de empezarmos a enumerar a riqueza botánica do espazo.

Outro mimoso de considerable tamaño medraba nos xardíns do Instituto Francisco Aguiar. Neste caso o seu volume e emprazamento aconsellaron a súa tala.

E de prosperar as intencións do actual alcalde, Ramón García, pronto podería engrosar este listado e ser historia o pequeno xardín posterior do Hospital de San Antonio de Padua, sé actual do Pazo de Xustiza. Neste pequeno e relativamente novo xardín do centro da cidade- dos poucos que hai- conviven algúns pés vermellos do xénero prunus e un alvedro.