Árbores da cidade: a magnolia

Unha vista do parque Pablo Iglesias

Unha vista do parque Pablo Iglesias

Ademais das fragas e demais espazos naturais que a rodean, unha cidade ten tamén pequenos espazos verdes que contribúen a limpar o aire e facer a vida máis levadeira para os seus habitantes. Un parque (do francés parc) é un terreo situado no interior dunha poboación, que se destina a prados, xardíns e arboredo servindo como lugar de esparexemento e recreación dos cidadáns. Mais tamén nas cidades hai árbores fóra dos parques, prantados con finalidade ornamental. En ocasións, sexan árbores autóctonas ou provintes de outras latitudes, cobran valor de seu e noutras simplemente fannos a vida máis doada. Xornal de Betanzos continúa co seu repaso á flora das rúas e parques da nosa cidade cunha moi popular e tradicional habitante dos grandes xardíns urbanos e pacego: a magnolia.

Erroneamente se sostén que a magnolia (magnolia denutata ou magnolia × soulangeana) é o pé feminino do magnolio (magnolia grandiflora) cando, sendo da familia, non é certo que sexan plantas dioicas. O feito de florecer coas pólas núas mostrando as grandes flores abrancazadas ou rosáceas fíxoas moi populares nos xardíns dos pazos señoriais, de onde, como outras moitas especies, saltaron aos xardíns públicos tempo despois. Adoitan ser dúas especies, realmente, as magnolias dos nosos xardíns.

Por unha banda está a Magnolia denudata, a magnolia yulan, ou simplemente magnolia, unha arboriña caducifolia pertencente á familia das magnoliáceas. O xénero Magnolia púxoo Linneaus en honra a Pierre Magnol, profesor de botánica en Montpellier no século XVII-XVIII. Denudata vén do latín denudatus-a-um= espido, descuberto, quizais polo seu aspecto cando está en floración, sen follas.

É orixinaria do leste e do centro da China. A magnolai é unha arboriña caducifolia moi ramalluda, que apenas acada os 15 m de altura. É un chisco arredondada, moi escamada e de textura grosa. O toro e as pólas son moi vistosas, a casca é magra, e se dana facilmente co impacto mecánico. As follas son ovais, verde brillantes, de 15 cm lonxitude e 8 cm de largo, co baseamento cuñado e o ápice sagaz. Limbo de face superior verde e cara inferior máis pálida e pubescente. As flores de cor branco marfil, de 10–16 cm de diámetro, con 9 tépalos cóncavos, grosos, aparecen antes que as follas, agomando cedo en toda a primavera, cunha intensa e agradábel fragrancia a limón, tornándose despois marróns, sen non hai xeadas. Os froitos son erectos, marróns, fusiformes, alongados, de 8-12 cm de lonxitude e as sementes son de cor vermello brillante. É semellante a outras magnolias que moran en solos ricos, húmidos, e protexidas de climas extremos, polo que a adaptación ás condición galegas é moi boa.

Multiplícase por porbaixas. Atura ben o frío e necesita solos de tipo medio non alcalinos, podendo cultivarse a pleno sol ou a media sombra, o que a fai moi apta para os xardíns urbanos. Utilízase en xardinaxe illado ou en grupos, destacando a súa floración antes de que aparezan as follas. Para un correcto desenvolvemento dos árbores novas aconséllase unha fertilización a finais do inverno ou a comezos da primavera cando comezan a abrollar as follas, mentres que a rega debe ser frecuente nos veráns, evitando deixar secar completamente o substrato. Necesita gozar de moitas horas de luz solar directa ao día para un bo desenvolvemento, plantar nun lugar abeirado, aínda que atura ben as xeadas.

A magnolia foi cultivada en templos chineses budistas dende o 600 a. C. As súas flores téñense evocado coma un símbolo de pureza na Dinastía Tang e foi plantada nos xardíns do palacio del Emperador. É a flor oficial da cidade de Shangai. De aí os mariños portugueses a trouxeron a Europa, chegando rapidamente aos pazos galegos a imitación das grandes quintas lusitanas.

A outra especie de magnolias dos nosos xardíns é a chamada magnolia de Soulange (Magnolia × soulangeana), tamén chamada magnolia chinesa, unha especie híbrida da familia das magnolias de folla caediza obtida por cruzamento entre M. denudata e M. lilifolia. É unha árbore de até 6 m de altura ou un arbusto que pode acadar os 5 m de altura, as súas follas caedizas son elípticas e largas con nervadura mediana. De floración temperá, as súas grandes flores abrancazadas posúen tons de cor rosado máis intenso cara a base, aparecen antes que as follas polo que corren o risco de se xear en climas fríos.

Este híbrido, que se obtivo por vez primeira en Francia, leva o nome do cabaleiro que o cultivou, Soulange-Bodin. Existen algunhas variedades del frecuentemente utilizadas en xardinaxe, de entreas que cómpre salientar Alba (ou alba superba), con flores dun branco puro, Alexandrina, con flores precoces, abrancazadas e rosadas na base, Lennei, con flores profundamente carmesís ou rosadas e brancas no interior, Norbertiana, con grandes flores brancas e unha rechamangueira follaxe púrpura, Rubra, flores rosado-avermelladas, Speciosa, de flores brancas interiormente e rosado-purpúreas no exterior, de floración máis serodia ca o resto de variedades da especie e de flores máis miúdas e duradeiras.

O seu uso na xardinaxe pública e pacega fixo que na nosa cidade sexa unha árbore moi coñecida. O exemplar máis antigo que conservamos é unha magnolia centenaria ubicada na rotonda central do parque Pablo Iglesias, un dos exemplares que chegou aos nosos días desde a creación do primeiro xardín público de Betanzos. No parque do Pasatempo temos varios exemplares, como os que rodean unha impoñente mesa rodeada de buxos na terraza das provincias arxentinas. Hai máis exemplares no Pasatempo, se ben parece que non foi escollida para máis espazos públicos polo seu carácter caducifolio, sendo moito máis usado o perenne magnolio.