Árbores da cidade: a hortensia

Lancha dos caneiros engalanada con hortensias

Lancha dos caneiros engalanada con hortensias

Ademais das fragas e demais espazos naturais que a rodean, unha cidade ten tamén pequenos espazos verdes que contribúen a limpar o aire e facer a vida máis levadeira para os seus habitantes. Un parque (do francés parc) é un terreo situado no interior dunha poboación, que se destina a prados, xardíns e arboredo servindo como lugar de esparexemento e recreación dos cidadáns. Mais tamén nas cidades hai árbores fóra dos parques, prantados con finalidade ornamental. En ocasións, sexan árbores autóctonas ou provintes de outras latitudes, cobran valor de seu e noutras simplemente fannos a vida máis doada. Xornal de Betanzos continúa co seu repaso ás principais variedades botánicas que podemos atopar nas rúas da nosa cidade. E facémolo cunha árbore ou arbusto moi presente na nosa cidade, ao punto de poder ser considerada, sen ningún xénero de dúbida, a flor de Betanzos: a hortensia.

A meirande parte das hortensias son arbustos de entre 1 e 3 metros de altura, mais algunhas son árbores cativas, e mesmo outras son parras que cadan os 30 metros trepando polas árbores cara arriba. Poden ser de follas caducas ou de follas perennes, non obstante as máis amplamente cultivadas, que son especies de climas mornos, son de folla caduca. Producen flores dende o inicio da primavera ata finais do outono que se dispoñen nos extremos dos talos.

A máis coñecida e popular delas no noso país é a Hydrangea macrophylla, unha especie fanerógama do xénero Hydrangea orixinaria do Xapón, moi común na xardinaxe galega dende o século XIX onde adoita amosar grandes flores azuis pola acidez dos solos. É un arbusto caducifolio lígneo na base que acostuma medrar até unha altura de entre 1 e 3 m de altura. O ritidoma é acastañado e fibroso nas pólas máis antigas, liso e esverdeado nas pólas novas.

O epíteto específico macrophylla, unha designación neolatina que significa “longas follas” é unha referencia ás grandes follas opostas que caracterizan a especie. As follas son simples, membranosas, ovais a elíptico-orbiculares, acuminadas, con 7 a 20 cm de longo, cos bordos serrillados. Entre o inicio do verán e finais do outono produce amplas inflorescencias, con múltiples flores en tons de cor de rosa ou azul. A inflorescencia é un corimbo, xeralmente con todas as flores colocadas nun único plano, mais por veces coas flores formando unha estrutura hemisférica, ou mesmo esférica, nalgunhas formas cultivadas.

A especie produce dous tipos de flores: as centrais, non ornamentais por seren desprovidas de pétalos ben desenvolvidos, son fértiles; as periféricas, ornamentais, con grandes pétalos coloridos, son xeralmente descritas como “estériles”. Os catro sépalos das flores decorativas teñen cores que varían do fucsia claro ao rosa púrpura e ao azul. As flores non decorativas teñen cinco pequenos sépalos esverdeados e cinco pétalos pequenos. A floración dura do inicio do verán ao inicio do inverno, persistindo até á caída das follas, mais co seu máximo no final da primavera. O froito é unha pequena cápsula subglobosa.

A cor das flores varía entre tons de rosa, azul ou vermello (existindo diversos cultivares variegados) en función da absorción radicular de aluminio, cuxa mobilización e biodispoñibilidade é dependente do pH do solo.  En consecuencia, é posible manipular a colorción das flores utilizando aditivos que alteren a dispoñibilidade de aluminio no solo, aumentando a súaa concentración por adición de sales daquel metal ou variando o pH para controlar a súa biodispoñibilidade.

En xardinaxe pódese forzar a coloración rosada das flores, usando fertilizantes ricos en nitróxeno e fósforo e pobres en potasio, mentres que se se desexan flores azuis, os fertilizantes han ser ricos en potasio e pobres en nitróxeno e fósforo. A floración azul tamén pode requirir o aporte de adubos acidificantes tales como: sulfato amónico, nitrato amónico, sulfato potásico etc. Tamén se pode engadir sulfato de aluminio se as medidas anteriores son insuficientes. A coloración rosa conseguirase con adubos alcalinos, coma nitrato de calcio. A adición coidadosa de carbonato sódico ao solo pode producir unha floración multicolor.

As hortensias cultívanse dende tempos remotos coma planta ornamental no Xapón, e dende mediados do século XIX tamén de xeito extensivo noutras áreas do mundo con climas temperados, sendo moi común na xardinaxe galega particular. É unha planta ornamental moi popular polas súas enormes cabezas florais, sendo a especie H. macrophylla con moito a máis amplamente cultivada con preto de 600 cultivares coñecidos. A poda regular evita que o arbusto medre demasiado.

A rega é no período primavera verán, as regas teñen que ser abondosas e frecuentes, de xeito que o substrato estea sempre húmido para que as flores non muchen. A reprodución da hortensia multiplícase por cortes das pólas trala floración.

Varias curiosidades relacionadas con supersticións e usos non botánicos pechan este achegamento á hortensia: na cultura popular dalgúns lugares dique a Hydrangea atrae os mortos ou a morte. Nos últimos tempos estanse a usar as flores de hortensia coma substituto da marihuana nalgunhas zonas de Europa, atribúenselle efectos eufóricos e alucinóxenos. O té de hortensia, que recibe o nome de ama-cha no Xapón, é unha tisana feita de follas de té e pétalos de hortensia.

É unha flor omnipresente na nosa cidade, a onde se asoma desde numerosos xardíns particulares, macetas na vía pública e as zonas verdes do Concello. Hortensias de fortes cores azuis asoman arredor do estanque do Retiro á circunvalación no Pasatempo, un parque que ten unha xenerosa colección. No parque infantil situado a carón do antigo ambulatorio tamén pechan un noiro. A carón da Casa da Xuventude, hortensias de porte anano e cor morada enchen un parterre. Son só algún exemplos, xunto cos centos de peches de fincas particulares encomendados a esta resistente planta que coloniza tamén a beira do Mandeo debido á súa facilidade para prender de estaca. Sen embargo, non se podería entender a romaría dos Caneiros sen as hortensias engalanando as lanchas que remontan o río.