Anuncios recorrentes en campaña electoral

Solar que ocupaba a Casa Gótica do rexedor Lopo García de Vilousaz

En cada campaña electoral os partidos afinan estratexias, enfatizan unhas propostas ou outras ou lanzan orixinais soportes publicitarios para tratar de captar a atención e o apoio do votante. Así, por exemplo, as pasadas municipais foron as da eclosión dos videos pretensamente virais no ámbito local e os memes, satíricos ou propositivos. Pero hai outra parte das campañas que non fan os partidos, que se fai desde as institucións públicas, con cartos de todos os cidadáns pero en beneficio de quen ostenta o poder.

Esa foi a crítica unánime aos fastos do 800 aniversario por parte de todas as forzas que non son o PSOE local: que era o lanzamento e campaña de imaxe da actual alcaldesa. O reproche uniu a todo o, ata maio, fragmentado arco político betanceiro. Pero hai máis: dun tempo a esta parte, non hai proceso electoral ao que non asomen outros grandes anuncios desde o gabinete de prensa do goberno socialista brigantino. Temas que, no seguinte proceso electoral seguen estando exactamente igual e orixinan outro anuncio.

A ese bucle pertencen, por exemplo, os sucesivos anuncios sobre actuacións do Concello na Casa Gótica. Nesta precampaña tocou o anuncio dun acordo sobre a execución subsidiaria, pero xa tocaran antes multas, compras, expropiacións, negociacións co propietario,…. E o caso é que a casa leva once anos demolida e o aspecto é exactamente o mesmo.

Outro tanto acontece co Pasatempo. Esta precampaña tocou o anuncio da intervención e cuantificación da rehabilitación no Estanque do Retiro, que aínda está lonxe de ser contratado. E a limpeza do León Colosal, sen valor histórico, logo de varios anos de pintadas. O famoso proxecto para rehabilitalo que acabou sendo unha “memoria valorada” tras exixir a oposición que se executase e quedar en evidencia cos seus propios documentos o goberno socialista presentárase, á súa vez, uns días antes dos últimos comicios galegos.

Este patrón seguírao durante anos tamén o Mandeo 50. A mole de ladrillo inacabada que afea a vista da cidade desde practicamente calquera punto- filla das calamitosas normas subsidiarias deseñadas en solitario polo PSOE nos 90- saltaba periodicamente á palestra con anuncios de solucións, negociacións con bancos, axuste á legalidade…. Non se fixo nada e Barral parece telo aparcado nun caixón ata para anuncios en precampaña. Sígeo actualmente o Mosteiro de Donas tras anos de anuncios sobre albergues, reclamación de titularidades ficticias, anuncios efectistas de desbroces… Esa campaña tocou anuncio de pedir un novo informe sectorial, cando as administracións habitualmente os solicitan todos xuntos para gañar tempo.

Houbo máis: anuncios de grandes actuacións repetidas durante décadas, como un centro comercial con cine no porto, ou a construcción de senllas rotondas no cruce da Madalena e da Ponte Nova, de idas e vidas gratuítas na autoestada AP9, da inminente redacción do PXOM ou o PEPOCH, ou os dous, concertos, etc. Mesmo con denuncias polo uso parcial dos medios de comunicación municipais para facer electoralismo por parte do goberno local. En cada cita coas urnas, o goberno local desempolvaba e colgaba dos titulares proxectos que aparcaba o resto do ano. Ou xogaba co PP a provocar o enfrontamento Concello-Xunta. E trinta anos despois, seguimos igual: os mesmos anuncios e escaramuzas, as mesmas carencias.