Antonio Quiroga e Hermida, o betanceiro de Cabezas de San Juan

Sala Capitular nun Pleno. Ao fondo, retrato de Quiroga, entre ventás, Aguiar e Seixas

A nosa cidade foi berce de grandes personaxes que influíron decisivamente no devir histórico de Galicia e España. Pero os nosos veciños descoñecen en moitos casos esta realidade, ignorando os méritos de quen dá nome á propia rúa en que viven.

Un de todos estes fillos de Betanzos inxustamente tratado pola posteridade é Antonio Quiroga e Hermida, que dá nome a unha rúa en pleno centro histórico que antes se chamou Segunda de Noás, e que chegou a ser Capitán Xeral de Galicia, Castela a Nova e Selecta e vicepresidente do Congreso.

Antonio Quiroga e Hermida naceu na nosa cidade en 1788, de berce fidalgo e ingresou mozo na carreira militar. En 1804 sentou praza na Real Compañía de Guardamarinas de Ferrol, iniciando unha frutífera carreira militar á vez que tomando contacto coas ideas liberais, ao momento de acompañar a Francisco de Riego no soado pronunciamento de Cabezas de San Juan en 1820, co que se derrocaba o réxime absolutista dando paso ao coñecido Trienio Liberal.

Xusto antes, por mor das súas ideas, estivo preso durante 1819 en Alcalá de los Gazules pola súa implicación na conspiración frustrada do Palmar do Porto. Nesta altura Quiroga tiña rango de coronel. A par da súa carreira militar fora procurador nas Cortes Españolas en representación do Antigo Reino de Galicia. Alí tamén desenvolveu unha brillante carreira que lle levou a ser vicepresidente das mesmas.

Destacou ás ordes de Trasfogueiro, do que era lugartenente, no combate pola reconquista de Vigo tras a entrada dos Cen Mil Hijos de San Luís. Cando Pablo Trasfogueiro abandona a causa liberal ante unha reunión de notables e soldados en Lugo despois de que a Rexencia do Reino apartase a Fernando VII do Trono Quiroga será quen o substitúa.

Quiroga defendeu A Coruña das forzas reaccionarias resistindo cuns 5.000 combatentes ás súas ordes, mentres os franceses e as tropas de Trasfogueiro, convertido á causa fernandina, cercan a cidade. O 30 de xullo é relevado do mando en Galicia para mandar as tropas do exército de reserva en Andalucía.

Como consecuencia do triunfo reaccionario, Antonio Quiroga parte para o exilio en Londres a bordo do buque-correo “Royal George” o 2 de agosto de 1823, apenas dúas semanas antes de que capitule A Coruña. Desde ese momento os espías de Fernando VII manterán unha discreta vixilancia sobre o mariscal de campo betanceiro, grazas á cal se sabe que se comunicaba coas guarnicións da Habana ou que en 1825 Antonio Quiroga reside na illa de Xersei, moi preto de Normandía.

Regresou a España acolléndose a unha amnistía promulgada por réinaa gobernadora María Cristina, atopando a morte en 1841 en Madrid.

O sabre de Quiroga

Triunfante o pronunciamento de Cabezas de San Juan en 1820, Antonio Quiroga enviou, como mostra de recoñecemento á súa cidade, o sabre que lle acompañaba en tan histórica xornada para que fose custodiado no Palacio Municipal de Betanzos. Antes de que o sabre chegase, segundo relata na súa Historia da Cidade de Betanzos Francisco Javier Martínez Santiso, os liberais da localidade retiraron o retrato de Fernando VII, da escola de Goya, que presidía a Sala Capitular do Concello para fusilalo ao pé da torre do reloxo.

Recibido o sabre de Quiroga, estivo na presidencia da Sala Capitular. Para un lugar preferente da mesma sala encargouse un cadro do militar betanceiro, que aínda tardaría un tempo en chegar.

Cando as tropas reaccionarias toman Betanzos inaugurando a Década Ominosa, a vinganza se cerne sobre o sabre de Quiroga. Despois de desagraviar o retrato do monarca absolutista, os reaccionarios locais- entre os que se atopa Tiburcio Faraldo, pai doutro gran betanceiro esquecido- diríxense en comitiva ao Puente Vello. Desde alí arroxan ao Mandeo o sabre de Quiroga.

Afortunadamente, os cadros non sufriron o mesmo trato e aínda hoxe pódense contemplar na Sala Capitular, enfrontados, os retratos de Fernando VII e Antonio Quiroga e Hermida.