Amigos do Pasatempo desminte o anuncio de Barral sobre a axilización da declaración BIC para o parque

A alcaldesa e o presidente da Xunta cando el anunciou un difuso compromiso co Pasatempo

María Barral comezaba esta semana anunciando que Feijóo lle comprometera axilizar a tramitación da declaración coma Ben de Interese Cultural (BIC) para o Pasatempo e ultimala no primeiro semestre de 2020. Como xa informara Xornal de Betanzos, tal anuncio, en realidade, non é nada, xa que a Lei de Patrimonio Cultural prevé que o procedemento dure 24 meses e xa que comezara o 19 de marzo de 2018, por forza ten que acabar a máis tardar en marzo de 2020.

Pero a Asociación de Amigos do Pasatempo quixo tamén puntualizar diversos puntos dos anuncios realizados a finais da pasada semana pola alcaldesa. “Feijoo no prometió nada, habla de unos plazos que son los legales, el límite máximo que permite la ley, es decir, Feijoo habla de una aceleración de trámites pero habla de los plazos máximos, es decir, fala sen decir nada” aseguran desde a conta oficial de facebook da entidade conservacionista.

Un dos autores da solicitude de incoación coma BIC para o Pasatempo presentada pola entidade, explicou, ademais, que “se vades á web do Catálogo de BIC´s de Galicia, poderedes descargar un documento no que aparecen os BIC declarados e os incoados, co prazo de remate de cada proceso. Isto leva máis dun ano así, polo que o que estando contando Feijoo non é máis que o prazo que xa existía”.

“Facer o esforzo por adiantalo sería declaralo neste 2019” abunda o historiador Ángel Arcay, premiado por unha obra sobre o Pasatempo. “A cuestión do Parque xa de por sí é un cachondeo, pero con todos estos anuncios que quedan en nada xa roza o esperpento” zanxa.

Apoio da Asociación de Conservadores Restauradores de España

A Asociación de Amigos do Pasatempo recibiu o apoio de ACRE, Asociación de Conservadores Restauradores de España. A entidade amosou o seu respaldo á actividade da asociación betanceira e agradecerlles o traballo qeu veñen desenvolvendo.