Amigos do Pasatempo cuestiona o anuncio da limpeza do León Colosal por facerse en campaña

Acto vandálico no Pasatempo

Se pretendía suscitar aplauso e recoñecemento o anuncio dos últimos trámites para limpar o León Colosal, ao goberno Barral saíulle curada. Amigos do Pasatempo reprobou a utilización do parque e as tarefas ordinarias de mantemento que deberían acometerse como reclamo electoral por parte dos socialistas.

“Estamos en campaña y el ayuntamiento vuelve a liarla con notas de prensa que aclaran poco la realidad” reproban no perfil dedicado á horta de Don Juan na rede social Facebook. “El Pasatiempo, olvidado pero del que siempre se echa mano en las elecciones, ya sea para colgar pancartas, literalmente, o para aparentar que se hace” denuncian, reprobando o anuncio último do goberno Barral e a colocación dunha faixa electoral en terreo protexido pola declaración provisional como BIC. O goberno local do PSOE anunciara multas e denuncias para quen accedese de forma irregular ao Pasatempo. Está por ver se cumpre co anunciado e procede a identificar e sancionar aos responsables de tal suceso.

No seu momento a entidade cuestionara tamén as excesivas cautelas con esta peza, de nova factura e datada na reconstrucción libre dos anos 90. Denunciaron nesa altura que se demoleran os restos conservados do auténtico león colosal e que, no entanto, pezas orixinais do parque tiñan pintadas máis graves e agresivas que as que se fixeron neste “pegote” dos 90.