Amelia Sánchez nova concelleira do BNG en substitución de Henrique del Río

Amelia Sánchez, nova portavoz do BNG con Henrique del Río

Amelia Sánchez substituirá a Henrique del Río como portavoz do BNG en Betanzos. Motivos laborais impiden que Henrique del Río siga exercendo a súa labor como concelleiro.

Segundo explicou Del Río, “trátase dunha decisión meditada durante moito tempo e tomada por motivos laborais que me impiden seguir a cumprir coas miñas obrigas como concelleiro”. Del Río asegurou que seguirá a militar no BNG e a contribuír dentro das súas posibilidades co traballo do grupo nacionalista para mellorar a vida da veciñanza de Betanzos.

“Comeza unha nova fase na que seguirei traballando na medida que poida para contribuír a mellorar a vida dos nosos veciños e veciñas, xa non como concelleiro pero si como militante do BNG”. Del Río agradeceu tamén o apoio da veciñanza de Betanzos e dos seus compañeiros do BNG durante estes 9 anos á fronte do BNG de Betanzos.

Ante a imposibilidade de Henrique del Río para continuar no seu cargo diante da súa nova situación laboral, será Amelia Sánchez que ocupaba o posto número 2 na candidatura presentada polo BNG ás eleccións municipais, quen ocupará o cargo de concelleira na localidade.

Amelia Sánchez é profesora de galego no IES As Mariñas e será a nova portavoz do BNG en Betanzos. “Asumo esta tarefa con toda a ilusión e forza e espero ser útil aos veciños e veciñas, desde o traballo e humildade”, explicou Amelia Sánchez.

O BNG de Betanzos e da comarca agradeceu a Henrique del Río o seu traballo e compañeirismo durante todos estes anos.